Os reloxos de Marín marcarán as horas
Por Redacción
O reloxo da fachada do Concello de Marín está a someterse a traballos de reparación para a súa posta a punto. Este elemento data do ano 1931 e nos últimos anos ofrecía moi mal aspecto exterio, debido á falta de números na súa esfera.
Ante esta situación, o goberno municipal decidiu levar a cabo a reparación que se iniciaba este venres 17 de febreiro. Os traballos que acomete a empresa Lagos Electrónica contan cun orzamento de 9.050 euros.
Os traballos de reparación consistirán en pequenos arranxos en peches de madeira, que se encargaban de manter as dúas esferas nas fachadas do inmoble. Ademais vanse a reparar os segmentos de cristal con números romanos de doce horas tallados polo exterior e unha reposición de pezas rotas.
A estes traballos hai que sumar o arranxo de dous soportes mecánicos circulares e a limpeza dos diferentes elementos cun tratamento antioxidante e o pintado en cor negra. Restauraranse as dúas minuterías e dos dous conxuntos de agullas ao mesmo tempo que se instalarán novos soportes para esas minuterías.
Está previsto que tamén se acometan traballos similares noutro reloxo simbólico da vila, o que se atopa situado na Torre da Praza do Reloxo, na rúa do Sol.