A xustiza absolve a Fernández Presas do delito de estafa a Caixanova
Por Redacción
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra absolveu dun delito de estafa ao empresario Ángel Fernández Presas, expresidente da Federación Galega da Construción (FGC) e dono e fundador do grupo Indeza.
A Fiscalía pedira para el unha condena de 18 meses de prisión e o pago dunha indemnización de 1.890.166,12 euros, máis os intereses legais, á entidade Abanca. Estaba acusado de enganar á desaparecida Caixanova na concesión dun crédito cualificado como unha operación de risco por valor de 1,1 millóns de euros e non chegar a devolverllo.
O compromiso era que devolvería a cantidade que lle prestaban no momento en que a Xunta lle abonase unha indemnización por unhas expropiacións, con todo, tras cobrar ese diñeiro non llo comunicou a Caixanova e decidiu ingresala na súa conta persoal e transferila posteriormente ás distintas empresas do grupo para facer fronte a diversos vencementos
Con todo, el sostivo durante a vista oral que non o devolveu porque non tivo a oportunidade, pero que "desde o primeiro día" tivo intención de devolvelo. Segundo asegurou, xa comunicara a todo o mundo que "cuando surgiera la primera oportunidad, lo quería pagar", pero a día de hoxe aínda ten a débeda.
A preguntas da maxistrada que presidía a sala, Nélida Cid, recoñeceu que aínda o debe e que non o abonará a curto prazo, pois "no lo he pagado porque no tenemos dinero tampoco en este momento para pagarlo".
A sentenza xustifica a absolución en que a proba practicada "non foi bastante para alcanzar a convicción sen xénero de dúbidas", da comisión por parte do acusado do delito de estafa.
Os maxistrados conclúen que "non cabe interpretar" que existise unha "intención previa" do acusado para non facer fronte ás súas obrigacións, xa que "non se acreditou" que Fernández Presas tivese coñecemento de que ía percibir a cantidade da Xunta "escasas datas" despois da firma do contrato.
O empresario tampouco informou a Caixanova de que cobrara cando, ata en dúas ocasións, renovou a data de vencimiento do crédito pero a sentenza afirma que a entidade bancaria non comprobou se recibira ese diñeiro, máxime cando si aparecía reflectido na súa declaración da renda, nin tampouco solicitou información algunha á Xunta a este respecto.
A sentenza non é firme e contra ela poden interpoñer recurso de casación.