O ex presidente dos construtores galegos nega ante a xuíza unha estafa de 1,1 millóns de euros á antiga Caixanova
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O ex presidente da Federación Galega da Construción (FGC) e dono e fundador do grupo Indeza, Ángel Fernández Presas, negou este xoves o delito de estafa do que o acusa a Fiscalía de Pontevedra e polo que se enfronta a unha condena de 18 meses de prisión e o pago dunha indemnización de 1.890.166,12 euros, máis os intereses legais, á entidade Abanca.
A Fiscalía levouno a xuízo ante a Sección Cuarta da Audiencia Provincial por presuntamente enganar á desaparecida Caixanova -hoxe Abanca- na concesión dun crédito cualificado como unha operación de risco por valor de 1,1 millóns de euros e non chegar a devolverllo. Con todo, el sostén que non o devolveu porque non tivo a oportunidade, pero que "desde el primer día" tivo intención de devolvelo.
Segundo asegurou, xa comunicara a todo o mundo que "cuando surgiera la primera oportunidad, lo quería pagar", pero a día de hoxe aínda ten a débeda. A preguntas da maxistrada que presidía a sala, Nélida Cid, recoñeceu que aínda o debe e que non o abonará a curto prazo, pois "no lo he pagado porque no tenemos dinero tampoco en este momento para pagarlo".
A entidade bancaria concedeulle o crédito condicionado a unha indemnización pendente da Conselleria de Innovación e Industria da Xunta de Galicia en relación co xustiprezo da expropiación dunha leira. O compromiso era que devolvería a cantidade que lle prestaban no momento en que lle abonasen a indemnización, con todo, a Fiscalía e a acusación particular -exercida pola entidade bancaria- sosteñen que el si cobrou o diñeiro, pero non saldou a súa débeda.
Fernández Presas tan só quixo responder as preguntas da fiscal, Rosalina Carreira, e do seu avogado. A eles explicoulles que subscribira ese crédito en febreiro de 2008 con fines profesionais, pero que o asinaba a título persoal e recoñeceu que si cobrou a indemnización pendente, pero que nese momento non a utilizou para devolver o crédito porque entendeu que había que esperar a que a sentenza pola expropiación fora definitiva.
O acusado declarou que no momento no que cobrou a indemnización comunicouno á persoa que tiña de referencia no banco, pero a entidade sostén que os enganou porque nunca llo comunicou e para iso achega a documentación da operación, na que non consta ningún documento oficial no que el o fixese constar.
Ademais, asegurou que tentou facer fronte a ese crédito incluíndoo noutro crédito sindicado que lle concederon e tamén vinculándoo a unha operación relacionada co aparcadoiro da praza de abastos de Pontevedra, do que tiña a concesión. Con todo, en ningún dos casos tivo o respaldo do banco e oito anos despois segue sen pagalo.
O avogado do acusado comezou o xuízo solicitando que o mesmo se suspendese porque o delito estaba prescrito, pero a fiscal opúxose asegurando que en ningún caso había unha prescrición, pois a Fiscalía acúsao dunha estafa simple, pero a acusación particular fala dunha estafa complexa pola que reclama unha pena superior a cinco anos de prisión. A maxistrada rexeitou xa en sala esa petición da defensa.
O xuízo quedou visto para sentenza. Por este caso hai outra sentenza recente da Audiencia pola vía civil -este é penal- porque a entidade bancaria pedía que o crédito fose elevado xa a 1,8 millóns polos intereses do atraso do pago, pero o tribunal estipulou que non, que o crédito segue sendo de 1,1 millóns.