Recollidos 800 quilos de roupa de segunda man nun mes
Os colectores de roupa usada instalados no Concello de Cerdedo-Cotobade recolleron case 800 quilogramos no seu primeiro mes de funcionamento. A iniciativa, que corre a cargo da tenda de segunda man Arroupa en colaboración co Concello, busca dar unha nova vida aos téxtiles colleitados, xa sexa reciclándoos ou sendo entregados á empresa.
O acordo, asinado a finais de novembro, terá como principal beneficiaria á empresa de economía social Arroupa, dependente de Cáritas, e facilitarán o recollido ás familias máis necesitadas. Para iso, as pezas aproveitables enviaranse ás tendas da asociación, que se encarga do mantemento do colectores pero tamén de dar traballo nelas a colectivos en risco de exclusión social. Aqueles téxtiles que non se atopen en bo estado serán remitidos a centros de reciclaxe para o seu correcto tratamento.
Tres colectores foron situados en distintos puntos do Concello e neles pódense depositar tanto roupa como calzado, bolsos ou mantas. A iniciativa conseguiu arrincar de forma exitosa ao recoller un total de 772 quilogramos de roupa nos distintos colectores situados no aparcadoiro público de Cerdedo, que lidera a lista con 369 quilos conseguidos, o CEIP de Tenorio, con 251,5 e o punto limpo municipal, onde se conseguiron 151,5 quilos.
Espérase que o proxecto chegue a recoller 9.200 quilogramos de pezas e continúe en crecemento a medida que se de a coñecer entre os veciños. Para aproveitar a capacidade dos colectores e facilitar a súa posterior reciclaxe, dende o Concello aconsellan que a roupa se deposite preferentemente en bolsas e dobrada.