CC.OO. ameaza con levar á Deputación ao xulgado por "discriminar" a traballadores
Por Redacción
O sindicato Comisións Obreiras ameaza con levar á Deputación Provincial aos tribunais pola súa actuación en relación cos traballadores interinos e laborais temporais, aos que aseguran que "discrimina ilegalmente".
O delegado sindical de CC.OO. na Deputación provincial, José Ramón Piñeiro, denuncia que a institución provincial exclúe a estes traballadores dos beneficios sociais que son de obrigado cumprimento conforme ao convenio colectivo e o acordo regulador para o persoal funcionario.
Segundo sosteñen, esta discriminación é ilegal porque infrinxe o disposto no Estatuto Básico do Empregado Público e o Estatuto dos Traballadores e vulnera o establecido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a súa sentenza do ano 2008 na que, nun caso relativo ao Concello de Pontevedra, declarou ilegal esta discriminación.
Piñeiro indica que o seu sindicato xa denunciou esta discriminación durante anos e nos últimos días presentou unha nova solicitude demandando á Deputación que aplique os beneficios sociais a todo o persoal, sen discriminación de ningún tipo. Advirte aos representantes sindicais que, se persisten na súa actitude, acudirán ao xulgado en defensa dos dereitos dos traballadores.