A Lama bautiza unha das súas rúas na honra ao cura Miguel Carbajal
Por Redacción
Durante trinta anos, ata a súa morte en xaneiro de 2015, o cura Miguel Carbajal Sobral exerceu o seu labor pastoral na Lama. Dous anos despois, o Concello quixo lembralo dándolle o seu nome a unha das súas rúas.
O acto de imposición do nome do párroco á vía que comunica o pavillón de deportes e a igrexa contou coa presenza do alcalde, Jorge Canda, o vigairo xeral do Bispado de Tui-Vigo, Juan Luís Martínez, así como membros da corporación.
O vigairo xeral foi o encargado de iniciar o acto no que glosou a figura de Miguel Carbajal, a súa dedicación ao labor apostólica e os seus esforzos por manter unida á súa parroquia.
Pola súa banda, Jorge Canda tomou a palabra e lembrou, baixo unha fina choiva incensante, a figura do sacerdote e o seu importante papel como mediador ante as autoridades eclesiásticas para dotar de infraestruturas ao municipio ou ampliar e mellorar viarios públicos.
Canda destacou a súa figura humana e o seu talante aberto e tolerante e dixo que "desde toda a corporación dun xeito unánime, queremos honrar a memoria dunha persoa que tiña unhas grandes conviccións relixiosas e morais, moi respectuoso con todo o mundo, tolerante e sempre disposto a botar unha man para conseguir o ben común dos seus semellantes".
A decisión de conceder a esta rúa que une o pavillón municipal de deportes coa igrexa parroquial de San Salvador da Lama foi adoptada por unanimidade de todos os concelleiros presentes nun pleno celebrado o pasado 30 de xaneiro de 2015 no que tamén se acordou homenaxear á súa persoa, moi vinculada co municipio.
A rúa foi obxecto dun proceso de humanización e mellora e está dotada de mobiliario urbano como bancos e papeleiras, así como uns xardíns e un parque infantil.