Jacobo Moreira regresará ao Parlamento tras renunciar cinco conselleiros á súa acta
Por Alejandro Espiño
Tal e como se prevía, Jacobo Moreira volverá ser deputado no Parlamento galego. O portavoz municipal do PP en Pontevedra regresará á cámara autonómica tras a renuncia á súa acta de deputado de cinco conselleiros da Xunta, entre eles tres que formaran parte da candidatura popular pola provincia de Pontevedra.
Trátase de Valeriano Martínez, Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña, titulares das consellerías de Facenda, Cultura e Educación e Sanidade, respectivamente.
Tamén se centrarán unicamente nos seus labores no goberno galego as conselleiras de Infraestruturas e Medio Rural, Ethel Vázquez e Ánxeles Vázquez.
Estes cinco conselleiros asinarán a próxima semana a súa dimisión como deputados, co obxectivo de que os seus substitutos no Parlamento poidan tomar posesión dos seus escanos no próximo pleno.
Con estas tres renuncias, o PP de Pontevedra move banco e incorporaranse ao Pazo do Hórreo Isabel Novo, o exalcalde de Tui Moisés Rodríguez e Jacobo Moreira.
Esta será a terceira lexislatura na que Moreira é deputado autonómico. Entrou no Parlamento por primeira vez en 2011 ao substituír ao entón recentemente elixido alcalde de Moaña, José Fervenza; e repetiu en 2014 para cubrir a vacante de Agustín Hernández, que renunciou á súa acta ao ser designado alcalde de Santiago de Compostela.