Mentiu un condenado por abusar dun menor no xuízo contra o seu presunto cómplice?
Por Natalia Puga
O fiscal e a acusación particular que esta semana sentaron no banco a un veciño de Ponte Caldelas por un delito continuado de abuso sexual a un menor mantiveron a súa acusación ao termo do xuízo e piden que sexa condenado a 11 anos e catro meses de prisión. Tras dúas sesións de vista oral, consideran que hai probas suficientes para condenalo e mesmo elevan a súa petición de condena ao pasar de 10 a 20 anos o tempo que debe estar en vigor unha orde de afastamento da súa vítima, un mozo que entón tiña menos de 13 anos e agora acaba de facer os 18.
Os feitos ocorreron entre mediados do ano 2010 e setembro do ano 2011. Unha sentenza xa ditada en 2012 concluíu que Aniceto García abusou do menor con tocamentos, bicos e mesmo sexo oral e condenouno a seis anos de prisión por un delito de abusos sexuais a menores. Nese xuízo saíu á luz a existencia dun segundo autor dos abusos, Jesús, que participaba presuntamente en encontros sexuais conxuntos con Aniceto e o menor.
Durante o xuízo desta semana, que se celebrou a porta pechada na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, declararon Jesús como acusado e Aniceto como testemuña -pois el xa foi condenado- e ambos defenderon a inocencia de Jesús. Aniceto confesou no seu xuízo de 2012 que el si abusou do menor durante un período de tempo longo, pero esta semana ante o tribunal da Audiencia mesmo tentou quitarlle ferro e fariña ao asunto e apuntar que ocorrera poucas veces.
Tras a declaración de Aniceto como testemuña, o fiscal do caso pediu ao tribunal que se deduza testemuño e se lle investige por falso testemuño. O avogado da acusación particular, Andrés Malvar, uniuse a esta petición e, ao remate do xuízo asegurou que "al fiscal le pareció que estaba mintiendo, a nosotros también".
Segundo os poucos datos que transcenderon do xuízo, este xoves compareceron especialistas que examinaron ao menor. Unha testemuña perita que o tratou ratificou nos seus informes que lle daba credibilidade á acusación do mozo mentres que outros especialistas da Universidade de Santiago de Compostela sinalaron que non había probas suficientes para darlle esa fiabilidade. Respecto diso, cabe apuntar que eses especialistas tampouco consideraran crible o seu testemuño no primeiro xuízo por estes feitos e, con todo, o acusado confesou que era certo.
O avogado da familia do menor declárase optimista co resultado do xuízo porque considera que o testemuño da vítima foi "coherente" e describiu sen dúbidas o que pasara e, ademais, considera que hai "datos periféricos" que sustentan a súa credibilidade. Entre outros aspectos, sinala que o menor contou que os abusos foran na casa do acusado, describiu esa vivenda e fixo un esbozo que se comprobou que era certo e tamén sabía os hábitos de vida do acusado e do xa condenado, datos que non se puido demostrar que soubese doutra forma que non fose por esa 'relación' de índole sexual. Ademais, insiste nas "múltiples contradicciones" do acusado e doutras testemuñas da defensa.
A defensa do procesado pide a libre absolución, pero o fiscal e o avogado da acusación piden a súa condena e, ademais da prisión e a orde de afastamento posterior, solicitan ao tribunal que lle impoña unha medida de cinco anos de liberdade vixiada, a prohibición de desempeñar actividades que impliquen trato ou relación con menores de idade e a obrigación de participar en programas de educación sexual.