Xuízo por abusos: "Te lo tienes que tomar con muchas tilas, bastantes trankimazines y algún que otro antidepresivo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Milagros leva máis de seis anos vivindo un inferno. O seu fillo moito máis. Durante un tempo que non se puido establecer, sempre sendo menor de idade, sufriu abusos sexuais por parte dun amigo da familia e dun amigo deste e por este tema xa se enfrontou a tres xuízos. O último, este martes na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, no que o fiscal pide unha condena a 11 anos de prisión.
"Te lo tienes que tomar con muchas tilas, bastantes trankimazines y algún que otro antidepresivo", relatou a PontevedraViva a nai antes do inicio da primeira sesión do xuízo. Cando terminou, estaba aínda máis nerviosa por ter que revivir o sucedido, pero esperanzada con que o inferno está xa próximo ao seu fin.
A vista celebrouse a porta pechada na Audiencia e, ao seu remate, tan só transcendeu que o mozo, que acaba de cumprir os 18 anos, ratificouse nas súas acusacións e o acusado que sentaba no banco -o outro xa foi condenado por estes feitos en 2012- sostivo a súa inocencia. O avogado da familia, Andrés Malvar, non quixo desvelar detalles do ocorrido na sala, pero si asegurou que son "muy optimistas" co resultado e que o responsable do sufrimento do menor acabe condenado.
Os feitos que chegaron este martes á Audiencia ocorreron en datas que non puideron ser concretadas, pero comprendidas en todo caso entre mediados do ano 2010 e setembro do ano 2011. Por aquel entón, a vítima tiña menos de 12 anos e unha sentenza xa ditada en 2012 concluíu que Aniceto Gacía abusou del con tocamentos, bicos e mesmo sexo oral e condenoulle a seis anos de prisión por un delito de abusos sexuais a menores.
Nese xuízo saíu á luz a existencia dun segundo autor dos abusos, xusto o que este martes sentou no banco dos acusados, un veciño de Ponte Caldelas de nome Jesús. Segundo denunciaron o menor e a súa nai, o xa condenado presentoulle a outro home, con idade para ser o seu avó, e os tres participaban nas mesmas situacións de abusos, que algunhas veces producíanse nunha vivenda propiedade dos sogros de Aniceto e outras veces na súa propia casa.
Aquilo acabou, pero non o sufrimento para a familia. Milagros sinalaba este martes que o seu único motivo para a tranquilidade é pensar que "ya estamos a 24, se acaba, espero que se acabe" e, dunha vez por todas "se demuestre" o ocurrido e, de paso, "que se tapen muchas bocas", pois tras esta segunda denuncia "aún hay gente que duda" do relato do seu fillo.
O mozo "es forte", pero, aínda así, está "muy nervioso en estos momentos, con ganas también de cerrar puertas y continuar". Recoñece que "nunca se olvida" e o que agora necesita é "cerrar un ciclo muy amargo y continuar todos" coa súa vida, superando o ocorrido, que lle fixo "mucho daño, no se puede explicar".