Un home resulta ferido en Vilagarcía tras quedar atrapado baixo o seu tractor
Por Redacción
Un home resultaba ferido durante as últimas horas da tarde deste mércores ao sufrir un accidente co tractor que pilotaba, segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias 112 Galicia. A vítima do accidente quedou atrapada debaixo da máquina.
O accidente rexistrábase nunha leira situada na Rúa A Veiga. Foi un veciño do home que conducía o tractor quen contactou co 112 Galicia ás 19.45 horas para alertar da situación.
Desde a central de emerxencias do 112 alertouse aos Bombeiros do Salnés e a Urxencias Médicas. Tamén se informou ao Servizo de Emerxencias municipal e á Policía Local.
O home foi liberado por uns particulares. Unha dotación dos Bombeiros desprazouse ao momento cun equipo de excarceración. Foi evacuado nunha ambulancia a un centro hospitalario para ser atendido das feridas e contusións que sufría.