Tráfico iniciará unha campaña para evitar os accidentes de tractor
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A Dirección Xeral de Tráfico iniciou a repartición de preto de 35.000 trípticos elaborados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) con información de interese en seguridade, mantemento e prevención de accidentes en tractores. Estes vehículos agrícolas convertéronse en medios de transporte cunha alta siniestralidade. Dende 2011 faleceron en Galicia máis de 70 persoas que conducían tractores. Segundo os datos ofrecidos este martes 30 na Subdelegación do Goberno por Antonio Coello, subdelegado do goberno; o xefe provincial de Tráfico, Mª Isabel Alonso de Linaje; o subdirector xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, Fernando González Abeijón, na provincia están rexistrados 74.652 vehículos deste tipo cunha media de 23 anos de idade, isto supón que, en moitos casos, estes medios non dispoñan de elementos de seguridade.
No que vai deste ano rexistráronse en Galicia xa 10 falecementos ao circular con esta maquinaria, a maioría cunha media de idade superior aos 65 anos. Na provincia, rexistrouse unha morte o pasado 15 de xuño en Portas dun octoxenario que conducía un tractor. Segundo Fernando González, a causa principal das mortes encóntrase no xiro e no atrapamiento baixo a máquina. O Subdelegado do Goberno tamén engadiu que na maioría dos casos non se pode falar dun accidente laboral, porque os vehículos son utilizados como medio de transporte por persoas xa xubiladas.
A campaña completarase no último trimestre do ano, cando a Consellería de Traballo de la Xunta de Galicia, a través do ISSGA, impartirá unha quincena de cursos sobre o manexo seguro do tractor. Segundo os datos facilitados na Subdelegación, o 15% dos tractores que hai en España encóntranse en Galicia e engadiron a importancia de que os vehículos pasen a ITV, que é bienal dende os 8 ata os 16 anos e anual a partir dese momento.
CAMPAÑA DE VERÁN DA DGT
O Xefe Provincial de Tráfico anunciou que a partir do venres 3 de xullo se iniciará a campaña de verán da Dirección Xeral de Tráfico con aproximadamente a mesma presenza de axentes que nos últimos anos nas estradas da provincia. Mª Isabel Alonso de Linaje apelou á responsabilidade e prudencia dos condutores e ao respecto ás normas de circulación. O subdelegado indicou que o importante é que "el que salga, que pueda volver".