Unha muller de 92 anos falece atropelada no recinto da súa casa en Xeve
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha muller de 92 anos faleceu este mércores nun atropelo no recinto da súa casa na parroquia pontevedresa de Xeve. O coche estaba conducido polo seu marido, de 91 anos, e que chegaba nese momento á casa. Ela saiu para abrirlle o portalón de acceso e nese momento, por causas que aínda se descoñecen, arroiouna.
O lugar onde se produciu o atropelo está en costa, xusto despois do portalón de acceso ao recinto da casa familiar, pero agora queda por determinar o modo exacto no que se produciu o atropelo. Barállase que ela puidese caer ao chan e, nese momento, atropelada polo marido porque non a vía ou que o atropelo fora antes da caida. En todo caso, fontes policiales indican que se está investigando como unha morte accidental.
Un particular alertou do atropelo ao Centro de Atención de Emexencias de Galicia 112 ás 12.30 horas deste mércores. Segundo os datos achegados, ocorreu na zona coñecida como O Penedo, no lugar de Filgueira, en San Andrés de Xeve, e foi necesario mobilizar aos Bombeiros de Pontevedra.
Fontes do Corpo de Bombeiros explicaron que a muller quedou atrapada baixo o vehículo, de modo que eles procederon a apontoalo para poder retirar o cadáver. Unha comisión xudicial acudiu ao lugar para permitir o levantamento do cadáver, que foi trasladado ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para que poida practicárselle a autopsia que determine a forma exacta en que se produciu o falecemento.
Ao lugar acudira nun primeiro momento a Garda Civil de Tráfico, pero finalmente non foi necesario que os axentes levantaran atestado do ocorrido, pois non se tratou dun accidente de circulación, senón dun incidente no interior dun recinto particular. A investigación asumiuna a Policía Nacional de Pontevedra, que enviou ao lugar do accidente varias patrullas, entre elas a Policía Científica para investigar o ocurrido.
Segundo os datos da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a falecida ten 92 anos e responde as iniciais A.C.R. Enviouse ao lugar unha ambulancia medicalizada, pero a muller xa falecera.