Comisións Obreiras pide á Deputación que adquira novos esparcidores de sal
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O delegado de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra, José Ramón Piñeiro, insiste en sinalar que esta administración "carece de medios para garantir a seguridade nas estradas provinciais durante a onda de frío".
Entre outras cuestións, este sindicato reclama que se adquiran os elementos necesarios para este tipo de continxencias, xa que os dous esparcidores que hai "non reúnen as condicións adecuadas e obrigan aos traballadores para actuar en condicións ilegais e terceiromundistas".
Comisións Obreiras pensa denunciar ante a Dirección Xeral de Tráfico e a Inspección de Traballo que para distribuír o sal "dous operarios van de pé na caixa do camión esparciendo con pas ou capazos mentres o camión vai en marcha".
Finalmente Piñeiro sinala que a adquisición de esparcidores de sal adecuados supoñería un custo inferior a alugar medios externos.
RESPOSTA DENDE A DEPUTACIÓN
Pola súa parte, a Deputación Provincial sinala que as brigadas de mantemento da institución esparcen sal de xeito preventivo en medio cento de viais provinciais ante a vaga de frío.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que debido ás baixas temperaturas rexistradas durante os últimos días xa foi preciso reforzar a provisión de salmuera nos parques de Ponteareas e Pontevedra. Segundo sinala, a maquinaria específica para o reparto da sal está plenamente operativa e todos os esparcidores están montados nos camións correspondentes dos diferentes parques base das brigadas.