Ramallo prorroga o contrato da recollida do lixo ata que se adxudique o novo concurso
Por Oskar Viéitez
O vindeiro 1 de febreiro de 2017 finalizará o contrato do Concello de Marín coa empresa TECMED (hoxe URBASER) polo que lle foi adxudicada a concesión do servizo público de recollida de lixos.
Co obxectivo de manter a continuidade e regularidade na prestación deste servizo público de competencia municipal ata que se ultimen os trámites para a formalización do novo contrato, "por razóns de interese público", o goberno local de Marín ten previsto prorrogar a concesión "a fin de poder garantir á veciñanza un servizo fundamental para a súa calidade de vida e a salubridade da cidade ".
A prorróga supón a obrigación do contratista de continuar coa execución do contrato nos mesmos termos e condicións económicas, técnicas e operativas estipuladas na adxudicación (xaneiro 2001), coa modificación aprobada (febreiro 2007).
Logo de iniciar o expediente para a nova licitación e despois de múltiples pasos, a data límite de presentación de ofertas era o 15 de decembro de 2016, pero o 18 de novembro, Urbaser presentou un recurso de reposición, impugnando o prego de prescricións técnicas que rexe a licitación e solicitando a anulación do expediente de contratación e a suspensión do procedemento ata a resolución do recurso por parte do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TACRC).
O 1 de decembro de 2016, este tribunal acordou suspender a tramitación do procedemento ata a resolución do recurso presentado. Como ata agora non foi ditada a resolución do referido recurso é previsible que ao vencemento do actual contrato, non se teña formalizado o novo contrato que garanta a continuidade da prestación a realizar polo contratista e, "dada a trascendencia que ten este servizo para o interese público", para non interrumpir a prestación, "é necesario prorrogar o contrato orixinario, durante o tempo indispensable para licitar un novo procedemento e ata que comece a execución do novo contrato", como xustifican dende o equipo de goberno.
Por tal motivo no Pleno da corporación se realizará o trámite para a adopción de dito acordo. Esta proposta da alcaldesa, María Ramallo foi tratada na sesión extraordinaria da comisión informativa de medio ambiente que con carácter urxente e previo á convocatoriada sesión ordinaria do pleno da corporación para o próximo mércores día 18 de xaneiro.
SANCIÓN A URBASER
Por outra banda, este venres o BNG deu a coñecer que a xuíz titular do Xulgado do contencionso administrativo de Pontevedra, ven de dictar sentenza na que declara "no conforme a derecho" a sanción de 180.000 euros imposta a Urbaser por parte do Concello, e condena a éste a pagar as costas do xuízo.
A empresa Urbaser concesionaria do servizo municipal de recollida do lixo "gañou o recurso despois de demostrar que actuou de mutuo acordo coa concelleira delegada, Marian Sanmartín".
O xulgado observou "falta de rigor, concreción e axuste á realidade" por parte do Concello no procedemento sancionador contra Urbaser.
Relacionadas:
-
Duras críticas do BNG á adxudicación do contrato de lixo a unha empresa que pagará impostos en Barro
Por Redacción |
-
Recolte é a principal aspirante ao contrato da recollida de lixo en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Admitidas as ofertas de cinco empresas para o contrato de recollida de lixo en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A nova empresa que xestione o lixo de Marín deberá reciclar un 50% dos residuos en 2020
Por Redacción |
-
A oposición celebra o cambio de postura do Concello cos traballadores de Urbaser
Por Redacción |
-
Os novos pregos do servizo de recollida do lixo recollen as propostas dos traballadores
Por Oskar Viéitez |