O servizo municipal de Igualdade dá o salto a Internet
Por Redacción
O servizo de Igualdade do Concello de Pontevedra achégase máis aos veciños a través do seu novo servizo, unha páxina web específica deste departamento. Ata agora, formaba parte da oferta do web de Benestar Social, pero agora gaña autonomía e forza na oferta dixital municipal.
A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, explicou a través dun comunicado que decidiu dar prioridade á creación desta web co obxectivo de "dar maior importancia á área de Igualdade e de manter a relevancia desta problemática social entre a veciñanza".
A dirección da páxina é igualdade.pontevedra.eu e abre con información sobre o teléfono 016, o número gratuíto ao que pode chamar calquera muller maltratada e non deixa rastro na factura. Trátase dun dato que quedará e xeito permanente na páxina, porque a Concellaría considera fundamental dar ferramentas ás mulleres para que poidan saír da situación de violencia que viven, e o primeiro paso é denunciar.
O menú de igualdade.pontevedra.gal explica que é o CIM (Centro de Información á Muller) e os servizos que presta: xurídico, laboral, social e psicolóxico. En cada unha das pestanas pódense atopar recursos vinculados á denuncia da violencia machista. Tamén se poden topar teléfonos de urxencias (Policía, Garda Civil, centros sanitarios…).
A parte educativa é unha peza fundamental da páxina, xa que Fouces considera que a prevención é o eido no que hai que traballar para evitar futuros problemas. Neste apartado recóllense as memorias dos programas nAmorAndo e outros recursos como unidades didácticas para escolares ou docentes.