As actuacións de aforro enerxético permiten a Poio gastar 195.117 euros menos ao ano
Por Redacción
O Concello de Poio acumula tres anos de traballo nun proxecto para o uso responsable dos recursos enerxéticos, incrementando a eficiencia das súas instalacións consumidoras de enerxía. O resultado é xa palpable e, segundo os resultados facilitados pola concelleira Chelo Besada, permitiu o aforro anual de 195.117 euros, isto é, un 28,8%.
Chelo Besada responde con estes datos á moción presentada polo PP de Poio para pedir que se ilumine a PO-308 con lámparas LED. Explíca aos 'populares' que todas as actuacións realizadas exemplifican ante a cidadanía os valores da boa xestión dos recursos municipais e da protección e conservación do medio ambiente que debe emanar das administracións públicas, contribuíndo á concienciación social para a sustentabilidade ambiental cando, ademais, o territorio municipal de Poio forma parte dunha comarca con eminentes valores naturais.
Segundo os datos achegados, o proxecto de Xestión Enerxética supuxo un aforro anual de 559.177KWh. Hai tres anos, o Concello pagaba 676.805 euros ao ano na factura de electricidade de todas as súas instalacións e servizos e agora esa cifra reduciuse a 481.692 euros. E iso a pesar de que a electricidade se encareceu neste período.
A concelleira socialista indica que o control e monitoraxe da rede coa que contan actualmente os servizos eléctricos do Concello de Poio permite priorizar as actuacións en función de obxectivos de máximo aforro. Para facelo realidade, realizaron novas xestións de contratos, revisión de potencias, substitución das redes máis custosas, instalación de reductores de fluxo ou colocación de luminarias led, entre outras.
Segundo indicou, as últimas actuacións afectaron a Combarro, Viñas, Raxó, Campelo, Pavillón de Lourido, Poio de Arriba, As Laxes e o ximnasio municipal.