O PP de Poio presenta unha moción para iluminar a PO-308 con lámpadas LED
Por Redacción
O PP de Poio presentou no rexistro municipal unha moción para substituir a actual iluminación da PO-308 por lámpadas LED. Esta actuación, segundo os populares, supoñería un importante aforro para as arcas do Concello, cunha mellora ambiental que ademais ofrecería maior seguridade para peóns e condutores que transitan por esa estrada.
A concelleira popular Rocío Cochón apunta que as luces LED ofrecen unha iluminación de igual ou maior calidade que as lámpadas incandescentes e teñen unha vida útil moi superior, que chegaría aos 13 anos, 50.000 horas. Ademais, apunta a que estas lámpadas ofrecen unha iluminación de mellor calidade e sen parpadeos, un aspecto importante en varios puntos da PO-308 que, actualmente, supoñen un risco para os peóns e os condutores.
Os populares estiman que actualmente esta estrada conta con 400 farois. Desta forma, a un prezo máximo de 200 euros a instalación das novas luminarias tería un custo de apróximadamente 80.000 euros. Un prezo que se podería rebaixar se se saca a concurso. O aforro que calculan, desde o grupo municipal do PP, é de 17.500 euros e o investimento podería recuperarse en menos de 5 anos.
Esta proposta debaterase no pleno municipal de Poio o próximo 31 de xaneiro.