Un ferido en Portas ao esnafrar o seu coche contra un poste de formigón do tendido eléctrico
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida na mañá deste xoves nun accidente de circulación rexistrado no término municipal de Portas. Por motivos que se descoñecen, o vehículo no que circulaba saíu da vía e acabou esnafrando contra un poste de formigón do tendido eléctrico.
Tras o impacto, o poste partiu, tirando os cables eléctricos a unha leira. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias xa se puxo en contacto cos responsables da compañía eléctrica que se encarga do servizo.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, tívose constancia do acontecido ás 12.00 horas a través dunha alerta de Urxencias Médicas.
O persoal da central de emerxencias do 112 alertou aos Bombeiros do Salnés e ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Valga. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.