O orzamento, camiño do pleno en medio dunha dura batalla xurídica
Por Alejandro Espiño
O deste venres será, sen dúbida, un dos plenos máis polémicos dos últimos anos. A aprobación do orzamento municipal desatou unha notable crise política na corporación e, polo que parece, aínda tardará en resolverse. Goberno e oposición encerelláronse nunha dura contenda xurídica acerca da legalidade de todo este proceso.
O único que está claro, polo momento, é que a corporación votará unicamente o orzamento presentado polo goberno, que non recolle as emendas presentadas pola oposición. Así figura na orde do día da sesión. No caso de non aprobarse, o alcalde xa advertiu que presentará unha cuestión de confianza á que vinculará estas contas.
Farao tras desestimarse o recurso do PP co que impugnou a convocatoria do pleno, ao asegurar a Alcaldía que a xurisprudencia e a lexislación avala a decisión do BNG, tomada para evitar o bloqueo institucional que se podería xerar.
Pero para os populares o "único bloqueo" existe no Concello "por parte de Lores", ao que acusan de inventarse "toda esta tolemia" para evitar que a oposición pode facer as súas achegas ao orzamento, segundo o concelleiro popular Rafael Domínguez.
O edil do PP asegura que "a día de hoxe" non existe ningún informe que determine que as emendas a oposición son ilegais, polo que acusa o alcalde de que "mente" cando lles acusa de irregularidades nas súas propostas.
Con todo, os populares reiteraron a súa oferta ao BNG. "Só teñen que elixir unha das nosas emendas", destacou Domínguez, engadindo que "máis cesións, polo ben dos pontevedreses, non podemos facer". Por eles, tamén avanzou que o PP está a reconsiderar a súa decisión de levar o orzamento municipal aos tribunais.
O PSOE TAMÉN IMPUGNA O PLENO
Nas últimas horas, tamén o PSdeG-PSOE presentou un escrito de impugnación do pleno. No seu caso porque, apelando a un informe de Intervención, denuncian que o orzamento presentado polo goberno municipal non cumpre coa legalidade, porque o anexo de investimentos non detalla as obras para realizar nin indica como se van a financiar.
"Levamos días asistindo as acusacións da incompetencia da oposición e resulta que os incompetentes son os que gobernan que con toda a maquinaria municipal á súa disposición non son quen de facer un orzamento en condicións", asegurou ou voceiro socialista, Agustín Fernández.
Ademais, o grupo socialista basea a súa impugnación en que esta cuestión vulnera o dereito fundamental de información que asiste a cada concelleiro, ao ocultarlles o destino do diñeiro e dos investimentos que se recollen no orzamento.
Relacionadas:
-
O PP pide a nulidade da aprobación inicial do orzamento do Concello
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A abstención de Marea permite o BNG aprobar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Tranquilidade no goberno local tras impugnar o PP a convocatoria do pleno dos orzamentos
Por Diego Espiño |
-
Lores someterá ao pleno só os orzamentos do BNG, a pesar dun ambiguo informe municipal
Por Alejandro Espiño |