A Policía Autonómica investiga a presunta autora dun incendio forestal en Cambados
Por Redacción
Axentes da Policía Autonómica de Pontevedra informaron este mércores da imputación dunha muller como presunta autora dun incendio forestal no concello pontevedrés de Cambados.
O lume, que tivo lugar pasado día 20 de decembro, afectou a unha superficie de 2.300 metros cadrados, no lugar de Couto, na parroquia cambadesa de Castrelo.
Na investigación, contouse coa colaboración dos axentes medio ambientais da Brigada de Investigación de Incendios Forestal (B.I.I.F) da consellería do Medio Rural, comprobándose que o lume se debeu a un escape de queima, que a investigada realizou de forma neglixente.
A rápida intervención dos medios de extinción de incendios da Xunta impediron que o lume tivese maiores dimensións.
Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Garda de Cambados.