Piden á Xunta a mellora do Camiño a Santiago ao seu paso por Barro
Por Redacción
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, solicitará á Xunta de Galicia que se implique para mellorar a seguridade viaria do tramo do Camiño Portugués a Santiago que coincide coa estrada provincial EP-0508 no Concello de Barro. O alcalde do municipio Xosé Manuel Fernández Abraldes mantiña este mércores un encontro co deputado preocupado polo perigo que supón este viario polo que camiñan os peregrinos con graves problemas de seguridade ante a proximidade de vehículos.
Ao encontro tamén asistiu o presidente da asociación do Camiño Portugués a Santiago, Tino Lores. Durante o encontro, Uxío Benítez apuntou que desde a Deputación elaborouse un borrador que recolle a creación dunha senda peonil de case dous quilómetros. Sinalan que a Xunta é a responsable da seguridade no Camiño e reclaman a súa intervención.
O alcalde de Barro explicaba que o treito da vía provincial que pasa por San Amaro conta cunhas características que o converten nun punto perigoso para os peregrinos porque se trata dun espazo no que camiñan, en numerosas ocasións, en grupos e polo centro da vía. Sinala que ata o momento non se produciron accidentes de gravidade pero si numerosos sustos e os condutores ven obrigados a parar os vehículos ante a presenza dos peregrinos.
"Nunca me dei conta da falta de seguridade dese tramo" apuntou Tino Lores "porque eu continuaba polo medio da estrada coma se fose polo monte". O presidente da asociación afirmou que no ano 2021 espéranse entre 80.000 e 100.000 peregrinos e é necesario resolver este problema.