Vaite de paseo. Dous plans para a fin de semana
Por Oskar Viéitez
A Concellaría de Deportes e o club Naturgaliza organizan para o domingo 11 de decembro unha andaina -a senda do Nadal- que percorrerá a senda dos Gafos. Nela participarán 110 persoas.
A ruta ten unha distancia aproximada de 11 quilómetros e é circular. Parte ás 10:30 horas da zona do local de música-estación de RENFE e está prevista á súa finalización ás 13.30 horas.
Os obxectivos desta senda é seguir a promover a actividade física a prol dunha mellor calidade de vida da xente e ao tempo dar coñecer o noso entorno natural.
ROTEIRO DAS MOURAS
As actividades de Salcedo no Tempo continúan este sábado 10 de decembro cun roteiro pola parroquia no que se afondará sobre as lendas asociadas ao patrimonio. O Roteiro das Mouras será guiado polo antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, e durante o percorrido escoitáranse unha morea de lendas de mouras que habitaron baixo as pedras dos cotos de Salcedo.
Quintía tamén falará sobre os gustos destes seres máxicos, que ían ao Fiadeiro, ao baile do Verxel en Marín, e que tamén que facían ricos a todos aqueles cos que tiñan relación e lles mantiñan o segredo.
A saída será ás 10.30 horas da Casa Verde de Salcedo (ao lado do cemiterio). Recoméndase levar roupa e calzado cómodo. A actividade é gratuita e non é preciso inscrición previa.