O PP de Cuntis critica ao goberno local por perder unha subvención de 20.000 euros
Por Redacción
O Partido Popular de Cuntis criticou este mércores a perda por parte do Concello dunha subvención da Xunta de Galicia.
Trátase en concreto dunha subvención de 20.266, 26 euros para contratar a persoas en risco de exclusión e perceptores da Risga.
Para o portavoz popular, Antonio Pena, esta situación reflicte a "total deixadez e falta de xestión" no departamento de Servizos Sociais ao perder "unha axuda fundamental e moi importante para favorecer a inclusión social".
No pleno municipal do pasado mes de setembro o PP reclamou un informe a este respecto da traballadora social do Concello. Como resposta, sinala Pena, recibiron a proposta de contratación de dúas persoas perceptoras da Risga na que se sinalaba que non recibiran resposta da Xunta.
Con todo o portavoz popular asegura que o Concello "enviou toda a documentación fóra de prazo", xa que este terminaba o pasado 23 de xuño e o goberno local presentou a súa proposta "quince días despois, o 6 de xullo".