Os alumnos do colexio de Seixo e do instituto Mestre Landín, protagonistas deste venres
Por Redacción
Este venres visitaron o Concello de Marín os nenos de terceiro de primaria do CEIP de Seixo para reproducir un pleno ordinario.
No salón de plenos municipal a nova "alcaldesa" conduciu a sesión con mestría. Todos os delegados das diferentes áreas formularon os seus proxectos e houbo moito debate. Obras, iluminación do Nadal, mellora e adecuación de espazos como o auditorio e problemas de dúas persoas que pretendían construír na mesma parcela formaron parte da orde do día e do debate.
Todo se aprobou por unanimidade e houbo quenda de rogos e preguntas que foron contestados pola alcaldesa, dando por finalizada e levantándose a sesión.
Foi toda unha experiencia para estes nenos que estes días están a estudar o tema relativo á organización municipal e que hoxe levaron á práctica.
PREMIO IES MESTRE LANDÍN
No día de hoxe o IES Mestre Landín foi galardoado polo traballo "Descubrindo a Phi" no III Concurso de Traballos por Proxectos coa participación da biblioteca convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, realizado polo alumnado da materia de matemáticas orientadas as ensinanzas aplicadas de 3º da ESO no curso 2015/16, baixo a coordinación do departamento de matemáticas e a colaboración do departamento de educación plástica visual e audiovisual e o equipo da biblioteca do centro.
O grupo de alumnos formado por Sergio Amoedo, Laura Blanco, Rodney J. Ferreira, Eugenio Filgueira, Cristopher Herrán, Avelino Portela, Diego Pousada, Cristina Santiago, Ángel Penas, Tamara Piñeiro, Natalia Pregal, Sandra Rodríguez e David Touriño, distribuídos en catro equipos cooperativos investigaron sobre a presenza do número áureo en diferentes contextos: Na natureza, ó longo da historia, no arte e incluso en diversos logotipos da actualidade.
A información máis relevante recollida no seu traballo de investigación foi presentada ó resto da comunidade escolar mediante paneis interactivos nos corredores e talleres manipulativos na biblioteca do centro.
Non só o alumnado do instituto disfrutou das actividades preparadas, senón que tamén os centros de primaria do entorno puideron participar dentro das visitas á 23 Semana Matemática que se celebrou no IES Mestre Landín en maio deste ano. Así, deseñáronse catro talleres nos que mediante diversos materiais (tablets, metros, calibres, compases...) cada un dos visitantes puido descubrir como a proporción áurea está presente no seu propio corpo e incluso puideron construír a súa propia espiral áurea.
Este traballo resultou premiado na categoría de Proxectos de Investigación, que ten como obxectivo estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de investigación baixo a coordinación do equipo da biblioteca escolar, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ou ABP), no marco do PLAN LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe), que busca dinamizar o uso da biblioteca como eixe de difusión do coñecemento.