Carpetazo xudicial aos enchufes en Cespa: a xustiza non aprecia delito e arquiva a causa
Por Alejandro Espiño
Punto e final á investigación xudicial polos supostos enchufes, avalados presuntamente por membros do goberno municipal, na empresa Cespa. O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra decidiu arquivar a causa, unha das pezas separadas da coñecida como Operación Patos, ao non apreciar indicios de delito.
Esta decisión é firme, segundo explicaron a PontevedraViva fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xa que a Fiscalía de Pontevedra non presentou recurso no prazo que sinalaba o auto xudicial.
É a segunda vez que este mesmo xulgado arquiva esta causa, aínda que na anterior ocasión a Fiscalía si presentou recurso ante a Audiencia de Pontevedra, organismo que ordenou reabrir o caso e realizar novas dilixencias.
A investigación partía dun informe elaborado pola UDEF no que citaban un documento atopado durante un rexistro na sede da empresa Cespa e sinalaban que se evidenciarían diversas contratacións de traballadores que serían suxeridas por políticos e técnicos municipais.
Entre os citados como 'mentores' destes enchufes estarían o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, varios edís do grupo de goberno ou mesmo persoas sen aparente capacidade de influencia como un axente da policía local, un vixiante do mercado de abastos, o presidente dunha asociación de comerciantes ou varios funcionarios do Concello.
Esta conduta, segundo a Fiscalía, debería ser considerada como un delito de tráfico de influencias, xa que aseguran que 14 persoas accederon a un posto de traballo na empresa, concesionaria do servizo de recollida de lixos e limpeza viaria en Pontevedra, grazas a esa relación de amizade ou parentesco cos presuntos 'mentores'.
En todo caso, a UDEF sinalaba como investigados só a dous directivos de Cespa pero, segundo a xuíza, ningún deles "contratou nin seleccionou" a estas persoas. Ademais, lembra que estas contratacións son anteriores á renovación do contrato en Pontevedra. "Non se acredita", por tanto, que o lograse a cambio de contratar ás persoas supostamente recomendadas.
Ademais, a maxistrada sinala que da investigación "non resulta acreditado" que o suposto "influxo" dos 'mentores' tivese a suficiente "entidade ou aptitude" como para modificar o sistema de contratación da empresa e que este se deba á "presión exercida" cando, lembra, non hai relación clara entre a maioría dos contratados e os seus supostos 'mentores'.
Iso si, o auto si reflexiona sobre o "reprobable" que resulta que a empresa Cespa, en lugar de recorrer ao INEM ou as axencias de colocación para contratar aos seus traballadores, poida chegar a facelo por amiguismo ou parentesco "existindo unha taxa de desemprego tan alta no noso país". En todo reitera que esa conduta, neste caso, é "allea" a cuestións penais.
Relacionadas:
-
O xulgado arquiva todas as causas que vinculaban ao Concello de Pontevedra coa "Operación Patos"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello, sobre o arquivo do caso Cespa: "Non estarían de máis" as desculpas do PP
Por Alejandro Espiño |
-
Multan a Cespa con 9.000 euros por non aclarar a súa política de contratación en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O fiscal pide que se arquive a segunda causa da operación Patos derivada a Pontevedra, a relativa a Ence
Por Natalia Puga |
-
O xuíz non aprecia prevaricación do Concello no caso Elsamex e ordena arquivar a causa
Por Alejandro Espiño |
-
O arquivo da causa sobre os presuntos 'enchufes' de Cespa en Pontevedra chegará á Audiencia
Por Redacción |