A Audiencia deberá repetir o xuízo polo crime de Guillán cun xurado diferente e un novo maxistrado
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra deberá repetir o xuízo oral polo coñecido como crime de Guillán, o fraticidio polo que Santiago Gómez Lorenzo foi condenado a 11 meses e 15 días de prisión pola morte do seu irmán, ao que disparou nunha perna cunha escopeta. Ordenouno a Sala do Penal do Tribunal Supremo, que obriga, ademais, a que a vista oral sexa cun xurado popular diferente e un novo maxistrado,.
O Supremo estimou o recurso presentado pola acusación particular, que exerce a familia do falecido, e decidiu declarar nulo o veredicto do tribunal do xurado ditado o 18 de xullo de 2014, no que os xurados declararon ao acusado culpable dun homicidio imprudente pola morte do seu irmán.
Tras o veredicto do xurado, a Audiencia Provicial aplicou as atenuantes de lexítima defensa, medo insuperable, estado de necesidade, estado pasional, confesión e reparación, e non atendeu as peticións da Fiscalía (que pediu unha condena de entre 3 anos e medio e 10 anos de cárcere) e a acusación particular, que reclamaba entre 15 e 20 anos de cárcere dependendo de se se consideraba homicidio ou asasinato o sucedido.
O Supremo ordena celebrar un novo xuízo oral ante a "contradición insalvable" en que incorreu o veredicto anulado, consistente en que, á vez que o xurado dicía que non constaba probado que o acusado reflexionase sobre as consecuencias do seu disparo (razón pola que exclúen o dolo eventual de morte), mantivo que lle disparou á perna precisamente coa intención de deter o avance da vítima e que o fixo -tras cargar a escopeta-, antes de que o seu irmán puidese alcanzar a súa posición e por medo a que usase unha navalla contra el .
Fiscalía, acusación particular e defensa estiveron de acordo en que os irmáns, que vivían a 30 metros de distancia, se levaban mal e que houbera enfrontamentos previos, pero discreparon na cualificación dos feitos.
Tras un último enfrontamento, Santiago Gómez asegurou que temía que o seu irmán lle cortase o pescozo coa navalla que portaba e que só acabou disparando "por instinto" e cara ao chan, pero que sen querer alcanzouno na coxa, tras o que correu á súa vivenda para chamar á policía.
Relacionadas:
-
O home que matou o seu irmán en Guillán é condenado a dous anos de cárcere
Por Redacción |
-
Un acordo cunha condena a dous anos de prisión evita volver xulgar o crime fraticida de Guillán
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ordenan repetir o xuízo con xurado polo fraticidio de Guillán entre fortes críticas ao xuíz
Por Natalia Puga |
-
Piden no TSXG que se repita o xuízo con xurado contra o fraticida de Guillán (Vilagarcía)
Por Redacción |
-
O xurado conclúe que o acusado de matar ao seu irmán lle disparou "para defenderse" e o xuíz ordena a súa inmediata liberdade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Eu cometín un erro, si, coller a escopeta, pero non coa intención de matar nunca a meu irmán"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O acusado de matar o seu irmán dun disparo en Vilagarcía deféndese: "Fue por instinto"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |