Homenaxe ás mulleres en Marín con motivo do 25-N
Por Redacción
Marín súmase ás actividades que se están desenvolvendo con motivo dos actos do 25-N, Día Internacional contra a violencia de xénero. Desta forma, pódense ver nalgunhas das luces que están incrustadas no chan cunha frase onde se visibiliza un pensamento en homenaxe ás mulleres que foron asasinadas por violencia machista. As obras foron realizadas por mulleres que sobreviviron a agresións en Marín.
Estas obras atópanse colocadas en varias zonas para tentar que os veciños recapaciten ao atopalas.
Por outra banda, a Asociación de Mulleres Intercambio do Saber conmemorará o Día Internacional contra a violencia de Xénero cunha charla coloquio no que se abordará o acoso que se exerce contra as mulleres no ámbito social, laboral e no escolar.
A charla celebrarase o propio 25 ás 20.00 horas no Museo Manuel Torres. Contará coa participación de María Penado Abilleira e Antonio Novo Carballa.
María Penado é doutora en Psicoloxía e profesora da UNED, gañadora do Premio de Investigación da Deputación en 2015 por un traballo de análise da violencia de xénero adolescente na provincia, xunto ao investigador Fernando Rodríguez Alonso. Pola súa banda, Antonio Novo é actualmente director do IES Illa de Tambo de Marín.