A nova ordenanza de ruídos de Sanxenxo contempla a responsabilidade subsidiaria dos propietarios de pisos de aluguer
Por Redacción
A corporación municipal debaterá na sesión plenaria do luns a aprobación da nova ordenanza de ruídos modificada polo goberno local para adaptala á Disposición Derogatoria única da Lei 12/2011 de Medidas Fiscais e Administrativas, que establecía ademais un prazo dun ano para que a Xunta aprobase un decreto no que se incorporase ao dereito autonómico a normativa europea e estatal básica en material de contaminación acústica.
Este decreto, o 106/2015, sobre contaminación acústica en Galicia chegou en xullo de 2015 e no seu artigo 9 establece a obrigación dos municipios galegos de adaptar as súas ordenanzas municipais á devandita regulación.
A modificación da ordenanza municipal obedece, por tanto, á necesidade de adaptala aos cambios lexislativos e ao novo decreto da Xunta, e a súa aprobación converterá a Sanxenxo nun dos primeiros municipios galegos en cumprir este precepto. Na redacción do novo texto traballaron conxuntamente os servizos xurídicos municipais, a Policía Local e a empresa contratada polo Concello para o control dos ruídos.
O contido da ordenanza mantense sen grandes cambios con respecto á anterior, aínda que se tratará de dar solución a un problema local: o derivado dos ruídos nos pisos de aluguer.
Debido á especial problemática existente en Sanxenxo cos ruídos provocados nun piso de aluguer durante a tempada estival, inclúese na ordenanza a responsabilidade subsidiaria dos propietarios dos inmobles polos ruídos causados polos seus inquilinos.
O texto da nova ordenanza será debatido este mércores nunha comisión informativa previa á sesión plenaria do luns.
Por outra banda, a ordenanza mantén aspectos como a obrigatoriedade de dispoñer de dobres portas para os establecementos de hostalería ou a prohibición de facer ruído nas terrazas para toda a poboación.
En canto ao réxime sancionador, a ordenanza recolle o da Lei Estatal de Ruídos, a Lei 37/2003, ao non recoller o decreto da Xunta ningún réxime diferente a este.
Por outra banda, o Concello de Sanxenxo contratou a unha nova empresa o control dos ruídos, co obxectivo de mellorar este servizo xa que permitirá dispoñer das medicións en tempo real. Tras a aprobación da nova ordenanza está prevista a realización dunhas charlas informativas nas que técnicos desta empresa explicarán a todos os empresarios afectados pola súa aplicación unha explicación detallada e pormenorizada co obxectivo de facilitar o seu cumprimento.