Os socialistas denuncian a concesión "ás agachadas" da gardería á filla do alcalde da Lama
Por Redacción
O grupo socialista da Lama decidiu nunha reunión onte á noite convocada de urxencia votar en contra da concesión administrativa que levará a cabo o alcalde da Lama, Jorge Canda (PP), este martes nun pleno extraordinario para adxudicar o servizo de gardería á súa filla, María Canda Falcón.
"No último pleno, antes de iniciar a sesión, o alcalde pediu o apoio do PSOE para esta cuestión e comprometémonos a estudalo, pero é evidente que o expediente ten varias irregularidades, a primeira e máis evidente é que a única persoa que sabía en xuño que a casa do conserxe ía ser desafectada para o uso de gardería era a filla do alcalde, segundo explicou o propio alcalde no pleno", afirmou o portavoz socialista na Lama, Enrique Vaqueiro.
Os socialistas lamentan que despois de anos reclamando ao alcalde un servizo de gardería na Lama "soamente se monte un expediente cando beneficia á propia filla".
Para Enrique Vaqueiro, neste caso "hai unha información privilexiada evidente" polo que reclaman un concurso público e aberto, "dando toda a información a quen se queira presentar, non ás agachadas", puntualizou Vaqueiro.
O expediente parte dunha subvención da Xunta de Galicia para as chamadas "Casas Niño", na que a Xunta de Gallicia xa adxudicou 80,333,33 euros a María Canda o pasado 15 de setembro para o devandito uso.