Os Trazantes de Tenorio presentan a súa gala solidaria
Por Redacción
Os Trazantes de Tenorio e o presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentaron na xornada deste xoves a cuarta edición da Gala Solidaria Trazantes, que se celebrará este venres no IES de Cotobade, en Tenorio, cun amplo programa de actividades no que destacan os xogos populares, un magosto e ata seis actuacións musicais, así como a habilitación de puntos para as habituais doazóns por parte dos asistentes.
A gala, organizada pola agrupación coa colaboración do Concello, arrancará ás 18.00 horas con xogos populares para os cativos e, unha hora máis tarde, co reparto de castañas asadas. Xa ás 21.00 horas comezarán os espectáculos coa participación das orquestras Televisión e La Oca Band, o trío Agarimo, Manoele de Felisa (da orquestra Limón), Merchi Treviño e Christian Maya.
Os obxectivos solidarios da organización distribúense nesta cuarta edición a través dunha dobre vía, xa que haberá un punto de recollida de tapóns no marco da campaña "O teu tapón, o teu sorriso” a prol de Nahir e tamén se recollerán alimentos non perecedeiros, xa que a entrada fixouse na doazón dun quilogramo ou ben de 3 euros.
Para favorecer e animar a asistencia, Os Trazantes de Tenorio dispuxeron de todas as comodidades para o público, xa que haberá servizo de bar a prezos populares, polbeiría coa firma estradense Porta, sorteos, sorpresas e unha chocolatada como peche de festa. Asimesmo, todo o recinto estará cuberto cunha gran carpa para evitar que a gala se desloza por posibles adversidades meteorolóxicas.
Cubela destacou na presentación "o gran esforzo e espírito solidario” de Os Trazantes de Tenorio por organizar esta actividade e mantela consolidada tras catro edicións e quixo convidar a todos os veciños do municipio e incluso de zonas próximas a que asistan para gozar dunha velada moi entretida e dinámica ao tempo que colaboran con dúas boas causas.