Cores Tourís pregunta a Carmela Silva se vai tomar "represalias" cos alcaldes da "lista negra"
Por Oskar Viéitez
O secretario xeral do PP de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, pregunta á presidenta da Deputación cal é a finalidade da "lista negra" que se fixo este martes no acto de protesta que protagonizaron os alcaldes do Partido Popular no Salón de Plenos da Deputación, "non sabemos se o que quere é tomar represalias contra os 30 alcaldes do PP que o único que fixeron foi esperar no salón de plenos por unha reunión con Carmela Silva que tiñan solicitada desde hai moito tempo".
Segundo o secretario do PP, os alcaldes van seguir pedindo reunións a pesar da "actitude prepotente e autoritaria da presidente que roza incluso a chulería", e entende que nalgún momento terá que recibilos, porque "as Deputacións están ao servizo dos concellos, sobre todo dos pequenos e medianos concellos da provincia", recórdalle.
Neste sentido, Cores Tourís di non entender a razón pola que Carmela Silva se nega a atender as peticións dos rexedores populares. "Esta señora está máis no enfrontamento que en tratar de resolver os problemas. Non sabemos se é para coller méritos diante do seu xefe, o alcalde de Vigo, e seguir sendo a súa concelleira favorita, ou se é para liderar o PSOE. Que faga o que queira pero que faga o seu traballo e respecte aos alcaldes, porque nunca se veu esa falta de lealtade cos concellos".
A preguntas dos xornalistas, explicou que non se pode cualificar de escrache o que alí sucedeu. "A realidade é que os alcaldes estaban sentados, sen berros, sen faltarlle o respecto a ninguén e cando lles dixeron que non os ían atender fixeron declaracións aos medios e fóronse. Nada máis".
E recordou ademais, que a Deputación non é casa de Carmela Silva, senón a casa de todos os representantes da provincia, concluíu.
REPARTO DOS FONDOS "A DEDO"
Cores Tourís explicou ademais que o que pretende agora o Goberno Bipartito non é volver coa libre disposición, na que había unhas bases que estaban claras e rexían o procedemento. "O que quere facer agora é un dedazo a determinados concellos, porque segundo a presidenta antes os trataban moi mal, pero entre eses concellos están concellos gobernados polo Partido Popular".
"Que non minta, que se reúna cos alcaldes, que deixe que lle fagan as súas propostas e que analice detidamente os datos do que se investiu en cada concello nos últimos catro anos", concluiu Cores Tourís.
CARMELA SILVA: "É A LEY MORDAZA DO PP A QUE DÍA QUE ISO FOI UN ESCRACHE"
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, insistiu este mércores en definir coma un escrache a protesta dos alcaldes do Partido Popular.
"Non o califico eu, o califica a Lei Mordaza que aprobou o goberno de Rajoy" no que se define "o uso indebido e a toma de administracións públicas", e engadiu "aproban leis e logo non as cumplen".
"Eu non recibo nin admito presións de grupos de poder", rematou a presidenta da Deputación.
Relacionadas:
-
A seguridade viaria, unha das principais preocupacións en Ribadumia e Moraña
Por Redacción |
-
O goberno provincial cualifica de "escrache" o acto de protesta protagonizado por trinta alcaldes do PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP asegura que a Deputación recuperou os "convenios a dedo" que tanto criticou
Por Redacción |
-
A corporación "enterra" un período de xestión "oscurito" na Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |