Cinco empresas amosan o seu interese por reformar Pratería Vella e Tristán de Montenegro
Por Redacción
Ata cinco empresas presentaron a súa oferta para acometer a reforma integral que o goberno municipal ten previsto facer en Pratería Vella e Tristán de Montenegro. Son dúas rúas situadas no ámbito de Santa María que serán melloradas con cargo aos fondos ARI, concedidos para a rehabilitación do centro histórico da cidade.
As empresas que optan a esta adxudicación son Oresa, Pontever, COVSA, EC Casas e Ediserpo, segundo quedou de manifesto durante a primeira reunión da mesa de contratación.
Agora, haberá unha segunda rolda na mesa de contratación para que as empresas melloren as ofertas, se así o desexan. Trátase dunha actuación que terá un custe de 213.607 euros, un prazo de execución de tres meses e inclúe a renovación de servizos.
O obxectivo destes traballos é transformar un espazo público desaxeitado e obsoleto nunha zona para uso e gozo da veciñanza. A rexeneración dos espazos urbanos deberá garantir tamén a accesibilidade de todos os cidadáns, sinalan desde o goberno municipal.
O proxecto abrangue as dúas rúas dende o seu comezo ata o remate e inclúe a renovación completa da instalación e o tratamento da pavimentación que consistirá na execución de bandas de pedra que confinen un chan realizado con pedra tipo chapacuña.
Polo que respecta a renovación dos servizos está previsto actuar na rede de abastecemento de auga, separar a rede de pluviais da de fecais e instalarase a rede soterrada de gas natural.
Ademais, soterraranse os cables da iluminación pública, renovaranse por completo todas as luminarias, canalizarase baixo terra toda a rede de subministro de electricidade e instalarase o cable que dá servizo de fibra óptica.
Relacionadas:
-
Dúas novas rúas do ámbito de Santa María súmanse á reforma urbana do centro histórico
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Comeza a reforma da rúa Tristán de Montenegro, no centro histórico
Por Redacción |
-
Nesta semana avaliaranse as solicitudes de axuda para actuacións no ARI do casco histórico e Estribela
Por Redacción |
-
Valoran en case 214.000 euros a reforma das rúas Tristán de Montenegro e Pratería Vella
Por Redacción |