Comezan as sondaxes arqueolóxicas nos terreos do futuro campo de fútbol de Salcedo
Por Redacción
Pouco a pouco ábrese o camiño para a construción dun campo de fútbol de herba sintética en Salcedo. O concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez informou ao Consello Parroquial do inicio, a próxima semana, da intervención arqueolóxica autorizada por Patrimonio nos terreos previstos para a instalación deportiva co fin de determinar a posible presenza de gravados rupestres ou calquera outro vestixio arqueolóxico inédito.
O campo de fútbol e máis o proxecto de calmado de tráfico na contorna do CEIP San Martiño foron os dous temas centrais da reunión celebrada na Casa Verde.
A intervención arqueolóxica e posterior informe xunto coa venda a un tempo de todas as parcelas afectadas -que teñen 26 propietarios- son os requisitos "sine qua non" para levar a cabo o proxecto. A tramitación administrativa da adquisición das propiedades está a punto de rematar e coas sondaxes previstos complétanse os pasos previos.
Se non hai imprevistos, Demetrio Gómez estima que os terreos poderán estar en mans do Concello na recta final do ano o comezo do 2017. Son 14.500 metros cadrados, ao lado do CEIP Cabanas e o pavillón deportivo, que ven a reforzar o chamado núcleo de centralidade de Salcedo.
Polo que respecta á reordenación e calmado do tráfico na contorna do CEIP San Martiño, o concelleiro presentoulles aos representantes veciñais que asistiron ao Consello Parroquial de Salcedo o proxecto que se porá en marcha co fin de garantir a accesibilidade e seguridade dos escolares.
Retirarase o actual e desordeado aparcamento que hai diante do colexio e acoutarase o lateral da vía con cabida para 31 prazas, mentres que o camiño que baixa do Pazo ao colexio será peonil. Son algo máis de 120 metros de vía na que non hai vivendas. Inda así instalaranse tres redutores de velocidade (lombos) para o pouco tráfico que por ela poida chegar a pasar.
O viario da contorna do centro e do aparcamento terá velocidade 20 co fin de garantir a seguridade dos nenos.
A actuación de calmado de tráfico e reordenación do tráfico na contorna do CEIP San Martiño suporá un investimento de algo máis de 128.000 euros.