Ponte Caldelas leva ao Parlamento galego a "discriminación" que sofre nos investimentos da Xunta
Por Redacción
O tratamento diferencial da Xunta de Galicia aos concellos da contorna de Ponte Caldelas é o obxecto dunha batería de preguntas presentada pola deputada socialista Patricia Vilán para a súa resposta na Comisión de Administración Xeral do Parlamento de Galicia.
A iniciativa está auspiciada polo alcalde caldelán, Andrés Díaz Sobral, despois de constatar a enorme diferencia existente no volume inversor de catro consellerías nesta zona xeográfica.
O texto da iniciativa socialista, que vén a sumarse á protesta elevada diante da Comisión Europea polo "reparto caciquil" nos fondos europeos repartidos pola Xunta no marco do Plan de Emerxencias por mor das inundacións do último inverno, pregunta directamente polos investimentos realizados pola Xunta dende xuño de 2015 en Ponte Caldelas, Cotobade (ata a fusión con Cerdedo), A Lama e Soutomaior.
Aínda máis, a deputada Vilán inquire sobre os investimentos non só realizados, senón tamén os anunciados a través de nota de prensa, sen recoñecemento formal da obriga, así como os gastos comprometidos ou con reserva orzamentaria.
Na súa exposición de motivos, a deputada socialista explica que o goberno galego está sometendo a un castigo aos veciños que "mudaron de cor política" nas últimas eleccións municipais. Explica que se está a producir un "trato desigual" tanto na xestión dos fondos propios como nos procedentes de transferencias da Unión Europea.
Unha discriminación que, de feito, xa foi calculada polo grupo de goberno de Ponte Caldelas, integrado por unha coalición entre o PSdeG-PSOE, AVP e BNG. O goberno local caldelán realizou un estudo o pasado mes de setembro en base aos anuncios realizados publicamente polas consellerías de Presidencia, Infraestruturas, Medio Rural e Benestar Social e chegou á conclusión de que a Xunta de Galicia investiu neste municipio 91 veces menos que en Cotobade e 34 veces menos que en A Lama.
A suma dos investimentos anunciados pola Xunta de Galicia nos tres concellos ata aquel mes era de 46.961 euros (Ponte Caldelas), 742.241 euros (A Lama) e 3.146.940 euros (Cotobade). Ao ter en conta a poboación municipal, o gasto por habitante resultou ser de 8 euros por habitante (Ponte Caldelas), 278 euros (A Lama) e 726 euros (Cotobade).