Ponte Caldelas sairá á rúa ante a "cacicada" da PO-234 entre a Xunta e Cotobade
Por Redacción
Sábado 17 de setembro. É a data elixida polo goberno municipal de Ponte Caldelas, de acordo cos veciños de Laxoso, para celebrar unha gran manifestación popular contra o que deron en chamar a "cacicada da PO-234" e a discriminación "sistemática" da Xunta de Galicia contra este municipio pontevedrés.
A manifestación sairá ás 12 horas da Casa do Concello, na avenida de Galicia, transitará pola avenida de Pontevedra para concluír na Alameda coa lectura dun manifesto. A ela están invitados, destacan desde o goberno municipal, todos os colectivos sociais e as forzas políticas que queiran sumarse, sen exclusión de ninguén.
Segundo o Concello, a "gota que colmou o vaso da paciencia" foi a confirmación de que a Xunta de Galicia só actuará no tramo de Cotobade da estrada autonómica PO-234, a pesar de que íase facer en dúas fases, comezando polo tramo que une Ponte Caldelas con Laxoso de Arriba, o que soporta unha maior presión urbanística e conta cun trazado máis perigoso.
O alcalde, Andrés Díaz, insta á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e ao alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, a "volver á senda do sentido común", priorizando a reforma dun tramo que conta con informes policiais sobre a súa inseguridade viaria tanto polo trazado como pola presión residencial.
"A xente está moi farta porque calquera día pode haber un accidente grave en Laxoso, e cando iso suceda, eles dous serán corresponsables", denunciou o alcalde.
Na mobilización tamén se incidirá na marxinación que a Xunta, segundo o goberno municipal, está a practicar con Ponte Caldelas.
Os datos facilitados polo Concello apuntan que no actual mandato, a Xunta ten investido 91 veces máis en Cotobade (3,2 millóns de euros: 726 euros por habitante) e 34 veces máis en A Lama (724.000 euros: 278 euros por habitante) que en Ponte Caldelas, concello que só recibiu 46.961 euros, ou sexa 8 euros por habitante.
CUBELA PÍDELLE A DÍAZ QUE DEIXE DE BLOQUEAR A OBRA
Mentres tanto, o alcalde de Cotobade pediulle ao seu homólogo de Ponte Caldelas que deixe de "entorpecer" o proxecto e que abandone a "demagoxia" e o "populismo" e se poña a traballar para acadar os terreos necesarios para executar a segunda fase da reforma da estrada PO-234.
Cubela explicou que a Xunta foi "moi clara" en todo este proceso, xa que explicou que a mellora integral desta estrada acometeríase en dúas fases por cuestións orzamentarias e que a súa idea é facelas de xeito consecutivo, pero en Ponte Caldelas "levan moi retrasada" a consecución de terreos.
O alcalde apuntou que a obra vai comezar por Cotobade "porque temos case pechada a consecución dos terreos" e sinalou que se comezara por Ponte Caldelas "a nós non se nos ocorrería convocar unha manifestación, senón traballar para facernos cos predios e presentarnos ante a Xunta cos deberes feitos" para que se poida licitar canto antes.
Neste senso, revelou que a comunidade de montes de Augasantas xa aprobou a cesión dos terreos en xullo e todos os veciños afectados de Cotobade xa contan co modelo de cesión, dous aspectos que aínda non se abordaron no concello veciño.
"El non quere que se mellore a PO-234, el quere lanzar titulares e refuxiarse en argumentos como o de convocar unha manifestación ou a pantasmada de parar as máquinas, xa que lle dan protagonismo mediático, pero non serven para solucionar os problemas dos veciños. Para elo o que ten que facer é conseguir os terreos, pero conseguilos con sinatura, non falar baleiramente e sen papeis de que o 90% está disposto", lamentou Cubela.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas leva ao Parlamento galego a "discriminación" que sofre nos investimentos da Xunta
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas invita á Xunta a rectificar "a cacicada da PO-234"
Por Redacción |
-
Solicitan á Xunta que empece as obras da PO-234 polo tramo Ponte Caldelas-Laxoso
Por Oskar Viéitez |
-
A plataforma de afectados pola PO-234 apoiará a manifestación contra o proxecto
Por Redacción |
-
O alcalde de Ponte Caldelas, en pé de guerra ante a Xunta pola estrada de Laxoso
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O 90% dos afectados pola ampliación da estrada Ponte Caldelas-Cotobade, dispostos a ceder os terreos
Por Redacción |
-
Afectados pola PO-234 inician un diálogo "franco e aberto" cos alcaldes de Cotobade e Ponte Caldelas
Por Redacción |