Uns cidadáns atrapan a un mozo que estaba a agredir unha muller
Por Oskar Viéitez
Un suceso volveu a poñer de manifesto o determinante que resulta a solidariedade e a colaboración cidadá para atallar a violencia machista.
Sobre as 2:40 horas do día 1 de novembro, unha patrulla da Policía Local de servizo polas inmediacións do Hospital Provincial observaron a un numeroso grupo de persoas que semellaban estar a pelexar.
Cando se achegaron ao lugar, os axentes viron a unha muller tendida no chan que estaba a ser atendida por varias persoas e a un home reducindo a outro no chan e tratando de inmobilizalo.
Segundo explicaron varias testemuñas presenciais, cando ían paseando polo paseo peonil da rúa Loureiro Crespo unha muller achegóuselles pedindo auxilio e nese momento, un home que a estaba perseguindo abalanzouse sobre ela, tirándoa no chan e propinándolle patadas.
Un destas testemuñas, sen dubidalo, agarrou agresor tratando de inmobilizalo ata a chegada dos axentes municipais para impedir que seguise agredindo á moza.
Os policías locais procederon á detención de home, de 19 anos de idade, a pesar de que a vítima rexeitou presentar denuncia.
IMPLICACIÓN CIDADÁ
Desde a Xefatura da Policía Local lembran que os delitos de violencia doméstica e especialmente os de violencia de xénero danse nunhas circunstancias tales (relacións afectivas, ambiente de medo, convivencia no mesmo domicilio) que deixa ás vítimas en mans do delincuente, e dota a estes feitos dunha natureza moi singular.
Esta situación explica a dificultade que en moitísimos casos teñen as vítimas para denunciar e facer fronte por se mesmas a tal estado de cousas. Por este motivo a solidariedade e a implicación da sociedade e dos poderes públicos resulta básicas para afrontar este problema.