O Sergas reordenará os espazos de aparcamento no Hospital Provincial
O Concello xa conta con todos os permisos necesarios para integrar a entrada principal do Hospital Provincial na praza pública que se habilitou en Loureiro Crespo. O convenio co Sergas foi asinado este mércores e ambas as partes mostraron a súa disposición por executar as actuacións previstas a partir deste mesmo mes de novembro.
Así, tal e como estaba previsto, o goberno municipal investirá uns 40.000 euros nunha primeira fase na que se substituirá todo o pavimento, mellorarase a escalinata central, arranxaranse os accesos exteriores e rebaixarase o actual muro, que será reconvertido nun banco corrido recuberto de madeira, eliminando o enreixado metálico.
Nunha segunda fase, segundo explicou Miguel Anxo Fernández Lores, o Concello asumirá a conservación e o mantemento dos xardíns e as zonas verdes do hospital, que recibirán un novo tratamento e integraranse tamén en todo este ámbito.
En total, a cesión recollida no convenio asinado co Sergas supón un espazo de 1.253 metros cadrados, dos que 805,27 metros son zonas pavimentadas e o resto áreas axardinadas.
O Sergas, pola súa banda, comprométese a realizar dúas actuacións. Segundo explicou o seu xerente, Antonio Fernández-Campa, a máis inmediata será o traslado das dependencias do Centro de Transfusión de Galicia, situadas actualmente na entrada de urxencias do Hospital Provincial, á área de aparcadoiro que está habilitada entre o centro e a rúa da Historia.
Construiranse unhas novas dependencias, necesarias segundo Fernández-Campa, para o punto fixo con "máis volume" de doazóns de sangue de toda Galicia. Mellorar as súas condicións actuais, dixo, era unha "obriga" para o Sergas.
Máis complexo será reordenar os espazos de aparcadoiro. O xerente do CHOP, José Manuel González, explicou que os Bombeiros recomendaron que deixe de usarse a área actual situada na parte traseira do hospital, ao ser unha zona de "evacuación". Só poderán seguir aparcando alí as ambulancias que fagan traslados urxentes e certos provedores.
O novo aparcadoiro, que terá capacidade para unhas trinta prazas, estará reservado para os doantes do centro de transfusión, para pacientes de oncoloxía ou de atención temperá a menores, os médicos que teñan atención a domicilio, os técnicos de mantemento do hospital, os profesionais de urxencias que acudan desde Montecelo ou provedores.
PLAN FUNCIONAL
Ademais, Antonio Fernández-Campa avanzou que "na primeira quincena de novembro" o Sergas prevé adxudicar a redacción do Plan Funcional do Gran Montecelo, o documento que definirá, entre outras cuestións, os servizos cos que contará o novo complexo hospitalario de Pontevedra e os usos que terán o Provincial e a Casa do Mar de Mollabao.
Relacionadas:
-
Pontevedra estrea un novo local de doazón de sangue situado na Praza do Hospital
Por Redacción |
-
E a Xunta rectificou e ampliará Montecelo despois de perder sete anos
Por Oskar Viéitez |
-
Extreman a precaución para que as obras do Hospital non afecten ao teixo
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Comeza a integración do Hospital Provincial na nova praza peonil
Por Redacción |
-
Feijóo garante que o Gran Montecelo estará "terminado ou case terminado" en 2020
Por Alejandro Espiño |
-
A integración do Hospital Provincial na nova praza de Loureiro Crespo, lista en novembro
Por Alejandro Espiño |