Ponte Caldelas e Vila Verde, en Portugal, queren ser irmáns
Por Redacción
O alcalde do Concello de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o presidente da Junta da Freguesia de Vila Verde Barbudo, en Portugal, José Luís Soares Faria, refrendaron esta fin de semana o acordo para iniciar os trámites oficiais para irmandar os dous municipios.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, este é o colofón a máis de 10 anos de estreitas relacións transfronteirizas entre os veciños das parroquias de Barbudo, en Ponte Caldelas, e Barbudo, en Vila Verde (Portugal). Ambos os dous municipios acollen parroquias co nome de Barbudo e a situación desembocou nesta relación.
O dirixente portugués visitou Ponte Caldelas acompañado do secretario da Freguesía, Luciano Joaquim Oliveira Barros; do presidente da Asociación Cultural e Recreativa de Barbudo, Manuel Barros Cerqueira; do membro da asociación José Coello Costa Suárez; e do responsable do Ciclo de Turismo de Vila Verde, Domingos Gonçalves Sousa.
A intención é aprobar formalmente a irmandade entre os dous municipios en Pleno e, a continuación, constituír unha comisión mixta, con presencia non só dos concellos senón tamén das distintas asociacións que queiran sumarse.
O seguinte paso será a elaboración dun proxecto para solicitar formalmente diante da Comisión Europea a subvención que outorga para este tipo de iniciativas no marco do seu programa 'Europa cos cidadáns'. Se todo vai ben, a partir do próximo ano iniciaranse unha serie de actos culturais entre os dous municipios, con protagonismo especial para os veciños de Barbudo.
Andrés Díaz remarcou a súa sorpresa pola falta de tramitación oficial desta iniciativa, a pesar da consolidada relación entre os veciños de Ponte Caldelas e os de Vila Verde. Agora preténdese poñer fin a esta situación e, coa obtención da subvención da Unión Europea, organizar un programa axeitado do que os veciños de Barbudo e de todo o municipio poidan estar orgullosos.