Xustáns estrea as melloras no parque infantil e na Casa do Pobo
Por Redacción
A parroquia de Xustáns vén de renovar o seu parque infantil, que conta cun novo solo de caucho, e a súa Casa do Pobo. O resultado de ambos traballos foi revisado este mércores polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que estivo acompañado entre outros polo presidente da asociación de veciños, Tino Souto Sabajanes.
As actuacións son produto da colaboración entre o Concello e a agrupación veciñal. A institución municipal acadou a subvención para a mellora do parque infantil e axudou e orientou aos veciños na xestión das axudas para as obras no seu local.
No que atinxe ao parque infantil, procedeuse á instalación dun novo pavimento de caucho, que era unha demanda histórica e, de feito, constituía unha promesa electoral do actual grupo de goberno. O Concello incluíuna na solicitude formulada ao abeiro da convocatoria de subvencións da Xunta para infraestruturas entre os concellos de menos de 50.000 habitantes.
Por outra banda, os concelleiros visitaron as melloras no local social, onde se colocou unha cociña e se instalaron novas portas. Dúas melloras realizadas gracias ás axudas que os veciños, co asesoramento dos técnicos municipais, obtiveron da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial.
O propio Concello realizou melloras hai poucos meses para a instalación dun novo pavimento de gres e o lixado e vernizado de todas as contraventás, ademais do pintado interior da casa.
A Casa do Pobo de Xustáns, aparte da súa beleza e de ser unha das máis activas de todo o municipio, está datada en 1906. Ata o curso pasado, en que a Consellería de Educación ordenou o seu peche, tamén albergou unha escola infantil porque se trata da parroquia con maior poboación infantil, ademais da propia vila.
Relacionadas:
-
O parque infantil de Ponte Caldelas estrea un columpio adaptado
Por Redacción |
-
400 globos para estrear un parque infantil con tirolina en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O goberno de Ponte Caldelas denuncia a "herdanza recibida" nas instalacións infantís
Por Redacción | Creada e actualizada
-
As escolas unitarias de Sartal e Xustáns pechan as súas portas polo baixo número de alumnos
Por Redacción |
-
A Casa do Pobo de Xustáns continuará moi activa durante este ano
Por Redacción |