O goberno de Ponte Caldelas denuncia a "herdanza recibida" nas instalacións infantís
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O equipo de goberno en Ponte Caldelas denuncia a "herdanza recibida" nas instalacións infantís do municipio e anuncia que os próximos orzamentos incluirán partidas de mantemento.
O alcalde, Andrés Díaz, acompañado polos concelleiros Pilar Couto, Lito Muíños e Manuel Barreiro, visitou este martes o parque infantil da parroquia de Caritel que estrea nova cara. Os xogos e columpios locen un novo aspecto despois das obras de acondicionamento realizadas nunhas instalacións que acumulaban anos de abandono.
Os responsables municipais comprobaron os resultados dun traballo que consistiron na restauración de todos os elementos, substitución de pezas deterioradas, múltiples reparacións, así como o vernizado e pintado final de todo o conxunto.
Andrés Díaz explicou que o parque de A Chan (Caritel) foi dotado hai uns 10 anos con columpios e xogos de segunda man, pois reaproveitáronse os retirados da Vila. Esta circunstancia, engadida a un abandono absoluto, explica a súa escasa duración.
O actual equipo de goberno tripartito, integrado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, atopouse cunha instalación que "incumpría toda a normativa e non garantía os criterios de seguridade". Diante desta situación viuse "obrigado" a precintalo provisionalmente. Unha medida que se adoptou por "responsabilidade", explica Andrés Díaz, e que agora vese corrixida coa reapertura nunhas condicións moi distintas.
O goberno local destaca que "a herdanza recibida nos parques infantís do municipio é desastrosa".
Ponte Caldelas conta con máis dunha vintena de instalacións deste tipo. A meirande parte delas presentan deficiencias produto da total falta de mantemento por parte do Concello. Unha situación moi parecida á que padecen os parques biosaudables, destinados aos maiores.
"Aquí foron montándose parques en todos lados e logo quedaron esquecidos, invadidos pola maleza, oxidados ou cos elementos de xogo e valados de peche destrozados; agora temos un serio problema e vainos levar algún tempo darlle a volta a isto", explica o rexedor municipal.
A situación comezou a cambiar este ano, pois ao arranxo do parque de Caritel engádense as obras proxectadas no parque central da Vila (máis de 60.000 euros) e Xustáns (33.000 euros). Ambas actuacións están en fase de contratación. Ademais, o equipo de goberno tripartito xa ten decidido incluír partidas ordinarias de mantemento nos orzamentos municipais a partir do ano próximo.
RESPOSTA DO PP
O Partido Popular emitiu un comunicado en que asegura que Andrés Díaz minte aos veciños no tema dos parques infantís. Segundo explican os populares, os parques infantís quedaron en perfecto estado en xuño de 2015, data do cambio de goberno.
Entenden que se se atopan agora deteriorados é porque non se ten acometido o mantemento dos bambáns destas instalacións