O Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud Pontevedra conta co único Lokomat adaptado para pediatría de Galicia
Por Redacción
O Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud Pontevedra celebrou o Día Mundial do Dano Cerebral Adquirido cunha xornada de portas abertas na que participaron representantes de Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), Amencer -Aspace, familias, médicos e traballadores sociais para concienciar á sociedade da importancia da atención integral aos pacientes para lograr a recuperación e a máxima autonomía no menor tempo posible.
O equipo de terapeutas da Unidade de Dano Cerebral Adquirido explicou que é necesario cumprir cinco retos para lograr a maior autonomía dos pacientes, co obxectivo de que poidan levar unha vida independente coa mínima axuda dunha terceira persoa.
Entre eles destacan unha asistencia sanitaria integral, na que paciente e a familia estean no centro das decisións. O 40% do éxito da rehabilitación do dano cerebral adquirido está na participación activa das familias, segundo os terapeutas.
Ademais, propuxeron un traballo transdisciplinar no que se expoña un obxectivo común de recuperación desde o médico rehabilitador, o neurólogo, o psiquiatra, o fisioterapeuta neurológico, terapeutas e traballadores sociais. Por último, recomendaron que cada paciente conte cun plan intensivo e individualizado.
Antonio López, un ourensán afectado por un ictus en marzo de 2016, relatou a súa experiencia na Unidade de Dano Cerebral á que chegou en cadeira de rodas. Despois de cinco meses de terapia, este garda civil pode realizar actividades cotiás de hixiene persoal, alimentación ou de lecer (manexo dun computador, saír a correr).
O dano cerebral adquirido é unha lesión cerebral producida por un accidente cerebrovascular agudo (Ictus isquémico, infarto cerebral), un traumatismo cranioencefálico (accidentes de tráfico, laborais) ou causas sobrevindas como tumores cerebrais. Estas lesións causan alteracións tanto a nivel físico, como cognitivo, sensorial e emocional que provoca unha situación de dependencia para os pacientes.
LOKOMAT, A REHABILITACION ROBOTIZADA
Durante a xornada, os participantes puideron coñecer o funcionamento do Lokomat, un equipo de última tecnoloxía para a rehabilitación robotizada que se utiliza en pacientes con lesión medular ou ictus, entre outros.
Esta tecnoloxía, axuda a realizar movementos sobre unha cinta rodante e facilita un progreso máis rápido mediante sesións de adestramento máis longas, intensivas e eficientes. Combinado cunha interface audiovisual dos exercicios, a rehabilitación robotizada convértese nunha terapia motivadora, que permite un axuste individual para un progreso máis rápido.
Ademais, a inclusión do módulo pediátrico único en Galicia posibilita que esta terapia poida utilizarse en nenos desde 4 anos con parálise cerebral, traumatismo cranio-encefálico grave ou outras enfermidades neurológicas.
UNIDADE DE DANO CEREBRAL
A Unidade de Dano Cerebral Adquirido, que leva en funcionamento desde o ano 2001, é a única no noroeste peninsular, dotada para desenvolver terapias personalizadas segundo as necesidades de cada paciente. Conta cun equipo multidisciplinar de 30 profesionais formado por médico rehabilitador, médico de familia, neurólogo, neuropsicólogo, psiquiatra, fisioterapeuta especialista en neurología, terapeutas, enfermeiros e traballador social. Dispón de 30 camas de hospitalización e 11 salas para o desenvolvemento das terapias.