Cidadáns propón instalar "paneis de libre expresión" para evitar anuncios nos farois
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Cidadáns, María Rey, propuxo a instalación de "Paneis de libre expresión" en todo o municipio onde os veciños poderán compartir os seus anuncios ou opinións a través de cartelería.
Situaríanse nas fachadas dos centros cívicos, así como doutros lugares de encontro como colexios ou centros públicos e, entre outros obxectivos, axudasen a "reducir o impacto negativo" que ten a colcación de anuncios de maneira indiscriminada en escaparates e farois.
María Rey reprochou ao BNG e ao PP que "coarten a liberdade de expresión" ao votar en contra deste iniciativa que se presentará no próximo pleno da corporación.
Por certo, que Cidadáns xunto co Partido Socialista e Marea Pontevedra, solicitará un cambio na hora e o día de celebración dos plenos porque os edís que non teñen dedicación exclusiva teñen dificultades para compaxinar os seus traballos e conciliar a súa vida familiar coas obrigacións do cargo de concelleiro.
Non son as únicas propostas, entre outras iniciativas, a concelleira de Cidadáns tamén pedirá a instalacion de aparellos de ximnasia pasiva para adultos "en lugares de fácil acceso" e demandará o arranxo do CEIP Vilaverde-Mourente e a apertura dos recintos deportivos dos colexios do municipio fóra do horario escolar para que poida ser gozado por toda a cidadanía.