Estudarán a instalación de parques biosaudables para maiores en todo o municipio
Por Alejandro Espiño
A corporación municipal aprobou por unanimidade a realización dun estudo para determinar cales serían as mellores zonas do municipio para instalar máquina de exercicio biosaudables ao aire libre para a poboación adulta. Así se solicitaba na moción presentada pola portavoz de Cidadáns, María Rey.
O obxectivo, explicou a edil, é que as persoas maiores da cidade poidan realizar exercicios físicos controlados e cos utensilios adecuados para iso, favorecendo o seu envellecemento activo. Trátase, dixo, dunha demanda deste colectivo.
María Rey aclarou que, aínda que existe máquinas similares nalgunhas zonas de Pontevedra, "hasta ahora se habían instalado en lugares de difícil acceso y nunca se hizo un mantenimiento de las mismas". Polo que agora, a partir do que termine o estudo e os informes técnicos, pídese que se inclúa unha partida no orzamento de 2017 para a súa execución.
Non correu a mesma sorte a outra moción presentada por Cidadáns, que pedía a instalación de paneis de libre expresión cidadá no concello para evitar que se coloquen carteis e anuncios no mobiliario urbano ou nas fachadas, iniciativa que foi rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención do BNG.
No pleno deste luns, tamén se aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PSdeG-PSOE para instar á Xunta á elaboración dun protocolo de asistencia sanitaria a nenos con diabetes e foi rexeitada a proposta do PP para redactar un plan estratéxico que deseñe unha acción coordinada en materia deportiva.
Ademais, a través dun rogo, Marea Pontevedra, Cidadáns e PSdeG-PSOE solicitaron que os plenos pasen a celebrarse o terceiro xoves de cada mes, a partir das nove e media da mañá, para facilitar a conciliación familiar e laboral dos membros da corporación.
O BNG votou en contra ao entender que, de cambiarse a data, ten que ser tras un consenso previo no que se analicen as necesidades de todos os concelleiros. Ademais, Mosquera adiantou que os xoves sería inviable pola programación cultural do Teatro Principal, escenario dos plenos municipais.
Noutro rogo, esta vez presentado por Marea, esta formación pediu ao Concello que reclame o uso gratuíto da praza de touros durante o mes de setembro e rescinda, por tanto, o contrato de aluguer das instalacións, que ascendeu a 38.500 euros este ano.
Isto é debido, segundo Luís Rei, a que no rexistro da propiedade consta que o Concello é propietario da doceava parte indivisa da praza, polo sería unha "parvada superlativa" pagar aluguer por un edificio que "do que xa se é propietario".
Relacionadas:
-
O "non é non" do PSOE a Rajoy chega ata o pleno municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A oposición únese para reclamar ao Concello unhas instalacións "dignas" para a Policía Local
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra reclama de forma unánime a transferencia da AP-9 a Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Cidadáns propón instalar "paneis de libre expresión" para evitar anuncios nos farois
Por Oskar Viéitez |