A UNED goza dunha "boa saúde" en Pontevedra con case 5.000 alumnos inscritos
Por Redacción
Comeza un novo curso na UNED que, en Pontevedra, goza dunha saúde envexable. Así o destacaron os seus responsables durante a reunión da xunta reitora previa ao acto de inicio de curso académico. E é que no último ano no centro cursaron case 5.000 alumnos, unha cifra moi similar ao de exercicios anteriores.
Ademais, destacaron a boa acollida que tivo o programa formativo UNED Senior que sumou un total de 292 alumnos maiores de 55 anos o curso pasado, así como a importancia dunha ampla oferta de actividades de extensión universitaria na que participaron 3.933 estudantes durante o curso 2015-2016.
Nesta primeira xunta reitora, analizouse o orzamento de 2015 que ascendeu a case 1,8 millóns de euros. Deles, algo máis dun millón son da propia UNED, 341.000 euros da Deputación de Pontevedra, 140.000 euros do Concello de Pontevedra, 68.000 euros da Xunta de Galicia, 59.000 euros do Concello de Vigo e 38.000 euros do Concello de Tui.
Os seus membros tamén tiveron que avaliar os novos estatutos da UNED, que deben modificar a actual figura legal do centro asociado para convertelo en consorcio.
Tras esta reunión celebrouse o acto académico de inicio de curso, cuxa lección inaugural foi impartida por Belén Varela Romeu, escritora e directora de RH Positivo- Organizacións Optimistas.
Durante o acto procedeuse á entrega de diplomas aos egresados da 39 promoción de alumnos deste centro asociado, aos participantes do Programa Mentor UP e aos alumnos do programa formativo UNED Senior.
Ademais, por primeira vez entregouse o recoñecemento ao servizo distinguido a todos aqueles profesores-titores e persoal de administración e servizos en activo con máis de 25 anos de colaboración e servizo no centro académico. En total, unha vintena de docentes e traballadores subiron ao estrado para recoller unha distinción que recoñece o seu traballo e dedicación en beneficio do centro asociado da UNED en Pontevedra.
Relacionadas:
-
A UNED dá luz verde a crear unha aula en Portas e un grao de criminoloxía
Por Redacción |
-
Increméntase o orzamento da UNED e desaparece o seu patronato
Por Redacción |
-
A UNED organiza un curso de comercio internacional
Por Redacción |
-
A UNED de Pontevedra abre as súas portas nas súas "xornadas de acollida"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación aplaude o cambio legal que permite que poida seguir financiando a UNED
Por Redacción |