A Deputación aplaude o cambio legal que permite que poida seguir financiando a UNED
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra recibiu este mércores unha comunicación do Ministerio de Hacienda e Administraciones Públicas pola cal lle fan saber que poderá seguir mantendo o seu apoio financeiro ao centro asociado da UNED da provincia.
A comunicación aclara os termos nos que a partir do próximo ano os concellos e as deputacións poderán manter as súas aportacións ao funcionamento da UNED, algo que estaba en perigo. Ante este novo escenario, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, manifestou a súa satisfacción.
"É unha boa nova para todos os alumnos e alumnas da UNED", indicou a presidenta provincial ante a rectificación do Goberno que preside Mariano Rajoy, e anunciou que a Deputación de Pontevedra vai seguir prestando o seu apoio aos centros de Pontevedra, Vigo, e Tui "garantindo así que os seus alumnos e alumnas teñan futuro cos seus estudos".
A responsable provincial anunciara no mes de xuño que esta colaboración da Deputación coa institución educativa estaba en risco pola entrada en vigor da Lei de Racionalidade e Sostenibilidade da Administración Local (LRSL 27/1203). En aplicación da disposición transitoria novena, as entidades locais e as deputacións non podían incluír nos seus orzamentos, a partir deste ano, ningunha financiación para os centros asociados da UNED.
Ao percatarse da situación, Carmela Silva remitiu un escrito ao Ministerio de Educación reclamando a derogación da disposición legal ou ben un prazo maior para a súa aplicación, tal e como pediron tamén outras deputacións e concellos, a FEGAMP e a FEMP.
Este mércores a presidenta provincial aproveitou para instar ao Partido Popular a eliminar esta lei "que está a sufrir parches de xeito continuo e a garantir unha financiación acorde e necesaria para que as entidades locais podan desenvolver na mellor das condicións posibles os servizos aos seus veciños e veciñas".
Relacionadas:
-
Increméntase o orzamento da UNED e desaparece o seu patronato
Por Redacción |
-
A UNED goza dunha "boa saúde" en Pontevedra con case 5.000 alumnos inscritos
Por Redacción |
-
A UNED clausura os seus cursos de verán coa asistencia de máis de 300 alumnos
Por Redacción |
-
Terminan os cursos de verán da UNED de Pontevedra
Por Redacción |
-
A lei de reforma local impide que a Deputación e o Concello sigan financiando a UNED
Por Oskar Viéitez |
-
A UNED de Pontevedra, un dos tres centros de España que mantén cursos de verán en centros penitenciarios
Por Redacción |