Preocupación no claustro da Xunqueira II ante as acusacións a unha profesora por maltrato
Por Redacción
O claustro do CEIP A Xunqueira II acaba de pronunciarse por vez primeira sobre os episodios de presunto maltrato aos nenos por parte dunha mestra do centro, denunciado nas últimas semanas por un grupo de pais. Aseguran estar profundamente "preocupados, apenados e indignados" pola gravidade dunha situación e dunhas declaracións que están a afectar a toda a comunidade educativa.
Nun comunicado remitido aos medios, aseguran que son os "primeiros interesados" en que esta situación se aclare e solucione "o antes posible", sen que se vexan prexudicados os dereitos do alumnado e da profesora, "xa xulgada e condenada de antemán" como o demostran, afirman, os escritos e as diferentes manifestacións feitas polos denunciantes.
O equipo docente do colexio aclara que o claustro "nunca fixo ningunha manifestación pública que leve aos pais e nais do alumnado e á Fanpa a sacar ningunha conclusión", un comentario co que dan resposta ás acusacións de "corporativismo" que fixera a ANPA do centro ao ver neles unha actitude de defensa cara esta profesora.
"Este claustro xamais defendeu, defende nin defenderá o maltrato físico ou psicolóxico de ningún dos nosos alumnos nin de ningún ser humano", continúa o escrito, no que os mestres recordan que defenden, "como non podía ser doutro xeito", a presunción de inocencia, o dereito a defenderse e a explicarse e din respectar "escrupulosamente" a normativa, os trámites e os prazos dos procesos administrativos en curso.
Para que non se interprete mal o que din, o equipo docente engade que defenden así mesmo o dereito dos nenos e dos seus pais "a expresarse libremente en defensa da verdade", pero recordan que todas as partes "deben ser escoitadas activamente".
"O noso centro sempre se caracterizou e se caracteriza pola defensa de educar na paz, a tolerancia, a empatía, o diálogo e o respecto a un mesmo e aos demais tal e como o demostramos cada día co alumnado na nosa práctica docente", aseguran.
Neste sentido, os mestres do IES A Xunqueira II reiteran que só buscan un mesmo fin que é o benestar persoal e social do alumnado. "Son a nosa prioridade para o que necesitamos un clima de tranquilidade e sosego que nos permita continuar desenvolvendo o noso traballo con respecto e dignidade", subliñan no seu comunicado.
"Os nenos aprenden do que transmitimos e do que experimentan pero tamén do que lles ensinamos como modelos de vida, especialmente no seo familiar, o que contribúe enormemente a forxar a súa personalidade e a comportarse responsablemente na vida", conclúe o claustro do centro que recorda que "sen respecto non hai comunicación nin convivencia e polo tanto non hai educación".