Educación avanza na investigación para aclarar a denuncia dun grupo de pais á profesora dos seus fillos
Por Redacción
A Inspección Educativa de Pontevedra mantén aberto un expediente para determinar o ocorrido nun colexio de Primaria de Pontevedra ante a denuncia presentada polos pais de varios nenos de 8 anos que aseguran que nos primeiros días de curso escolar unha profesora golpeou aos pequenos.
Mentres se realizan investigacións para determinar que ocorreu, non se adoptou ningunha medida cautelar á profesora, pero a dirección do centro si decidiu que a docente terá un profesional de apoio na aula para evitar posibles tensións dentro da comunidade escolar.
Fontes oficiais da Xunta de Galicia confirmaron que a Inspección da delegación territorial de Educación en Pontevedra mantén abertas dilixencias e están a realizar todo tipo de entrevistas para determinar o ocorrido, pois existen dúas versións contraditorias, unha dos pais en función do referido polos seus fillos e outra da profesora.
Ao longo da mañá deste luns os inspectores entrevistáronse co equipo directivo do centro pontevedrés e este martes está previsto que manteñan un encontro coa asociación de pais para coñecer a súa versión dos feitos. Unha vez que se entrevisten cuns e outros, emitirán as súas propias conclusións.
Os pais denunciaron os feitos directamente ante os inspectores e aseguran que os seus fillos lles relataron que a profesora adoitaba golpealos, a última vez o luns da semana pasada.