A Festa da Raia de Sanxenxo, a última fin de semana de outubro
Por Redacción
A Festa da Raia de Sanxenxo celebrarase a última fin de semana de outubro. O alcalde, Gonzalo Pita, comprometeuse nun pleno que tivo lugar a principios do pasado mes de abril a que o evento se celebraría en setembro, pero a Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira acordou o peche provisional desta pesqueira, de modo que non é posible cumprir co prometido.
A pesqueira leva pechada desde xuño e seguirá así ata o 1 de outubro co obxectivo de garantir unha reserva de cota para o cuarto trimestre do ano e evitar o ocorrido o pasado exercicio, no que a frota non puido capturar esta especie desde o mes de xuño e ata final de ano.
O concelleiro de Festas, Jesús Sueiro, mantivo contactos durante este mes de setembro tanto coa Confraría de Pescadores de Portonovo como con diferentes colectivos desta localidade co obxectivo de que todos eles poidan realizar as achegas que consideren ao programa definitivo.
A concellería de Festas lembrou que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente acordou o peche a petición do sector pesqueiro do Cantábrico Noroeste coa intención de facer unha reserva da cota de pesca autorizada pola Unión Europa para o cuarto trimestre do ano.