Bueu instalará unha fonte cibernética na Praza Massó
Por Redacción
A Praza Massó, un dos espazos de lecer máis salientables cos que conta Bueu no centro do casco urbano, verá renovado o seu aspecto coa instalación dunha fonte transitable cibernética, que se situará no lugar que ocupa o estanque que se vai retirar, debido a que na actualidade xa non se está utilizando como tal.
A idea que baralla o goberno local, que leva traballando nos últimos meses na rexeneración deste espazo, é substituír o estanque por esta fonte que se complementará con iluminación LED e cun sistema interactivo de xogo.
Con elo reforzarase o carácter lúdico da Praza Massó e modernizarase a imaxe dun espazo que foi creado no ano 2009 como parte da urbanización da mazá Massó, e no que se celebran habitualmente eventos e actos ao aire libre.
Segundo o alcalde da vila, Félix Juncal, a instalación desta infraestrutura suporá un valor ornamental ao que se engadirá a ampliación da oferta lúdica para os máis pequenos.
As dimensións da fonte serán de aproximadamente 7,00 x 7,40 metros, polo que non ocupará o espazo total do estanque actual.
Máis concretamente, o proxecto establece a dotación de doce surtidores verticais, doce proxectores sumerxibles con iluminación LED, un sistema de tratamento para as óptimas condicións das augas, un mecanismo de control a través dun software de xestión da instalación integrada, sensores pisadores duradeiros e eficaces para prever vandalismo e paneis informativos.
O obxectivo é optimizar este espazo, no que xa se rexenerou o canaval que estaba moi deteriorado debido a unha utilización incorrecta deste espazo. Despois dun verán intenso e non exento de dificultades no que houbo un incremento no traballo dos diversos servizos, instalouse un peche perimetral que impide o acceso ao interior deste espazo, para que así teña máis osixenación.