Cáritas abre en Pontevedra unha tenda de roupa reciclada
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
No número 22 da rúa Eduardo Pondal de Pontevedra abriu este xoves as súas portas unha tenda de segunda man e restos de stock, promovida por Cáritas a través do proxecto denominado "Arroupa".
Na inauguración destas dependencias participaron Jesús García Vázquez e José Anuncio Mouriño Rañó, delegado episcopal e director diocesano de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela.
Esta iniciativa da Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela (CADISAN) persegue a asistencia, o fomento da economía social e a promoción e atención ás persoas en risco de exclusión social.
A tenda da cidade do Lérez contribuirá a xerar emprego para persoas en risco de exclusión social, que é a fin última que busca este proxecto coa incorporación ao mercado laboral deste colectivo proporcionándolles un traballo remunerado, a formación e acompañamento necesarios para a mellora das súas condicións de empregabilidade.
O material téxtil recollerase nos 56 roupeiros de Cáritas e nos preto dun centenar colectores que se van a instalar en toda a diócese. Na planta clasificadora e de tratamento, situada nunha nave do Polígono Industrial do Tambre de Santiago, o material dividirase entre aquel que é reutilizable e o que non o é, que será reciclado.
A venda que se xere nestas tendas será unha parte importante para o soporte económico da empresa. Os recursos económicos que se obteñan serán reinvestidos en inserción laboral.